Conexión social

O Museo de Pontevedra traballa na mellora continua dos seus servizos e no desenvolvemento dunha programación educativa dirixida a públicos diversos, con visitas adaptadas ás necesidades de diferentes colectivos, entre os que destacan as e os maiores, persoas con deterioración cognitiva, con diversidade funcional sensorial e intelectual ou con problemas de saúde mental, persoas privadas de liberdade, migrantes...

Na creación e no deseño de actividades e materiais adaptados contamos co asesoramento de múltiples institucións e asociacións, entre elas a Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), Amencer-Aspace, a Asociación Virxe da O, a Cruz Vermella e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Contamos con réplicas dalgunhas das nosas obras para que as persoas con discapacidade visual poidan experimentar a arte e a historia a través do tacto. Tamén ofrecemos visitas guiadas con intérprete de lingua de signos española e levamos a cabo actividades para favorecer a participación no mundo da cultura de persoas con problemas de saúde mental.

Entre os proxectos que estamos a desenvolver no ano 2026 atópanse o programa “Acompañarte”, realizado en colaboración co Sergas, que facilita que pacientes da área de psiquiatría acudan ao museo para traballar coa arte como ferramenta terapéutica e curadora, e “Museo singular, mirada plural”, unha experiencia creativa na que persoas con diversidade funcional escenifican obras da colección do museo para darlles proxección social.

Tamén no 2026 iniciamos a colaboración co proxecto “Empower Parents”, o cal persegue facer dos museos e institucións culturais lugares accesibles e inclusivos para persoas con trastorno do espectro autista.

Información sobre o programa de conexión social

Se desexa recibir información sobre este programa pode enviar un correo electrónico a educacion.museo@depo.gal ou chamar ao teléfono 986 804 100 (extensiones 42416, 42412 e 42413)

Visitas guiadas gratuítas con intérprete de lingua de signos española

Un ano máis, coa colaboración da FAXPG, invitámosmos a realizar unha visita gratuíta e guiada ao Museo de Pontevedra na compañía de persoal do centro e dunha ou dun intérprete de lingua de signos española.
O museo posúe unha grande e heteroxénea colección e organiza anualmente varias exposicións temporais.

Podedes participar en calquera das nosas visitas tras a inscrición.

Para concretar o día e a hora da visita, só é necesario contactar co Departamento de Educación do Museo en educacion.museo@depo.gal. A solicitude debe realizarse como mínimo quince días antes e nela especificaranse:

  • A data e a hora escollidas.
  • O tipo de visita.
  • O número de visitantes.
  • O nome dunha persoa de contacto.