Valentín Paz Andrade no Museo

16/05/2012
Museo de Pontevedra

Nado en Lérez o 23 de abril de 1898 e instalado desde 1921 en Vigo, onde continúa a súa actividade política como galeguista de esquerdas, dirixindo ó mesmo tempo o xornal Galicia e a revista Industrias pesqueras e promovendo importantes proxectos culturais e económicos, entre os que merecen ser destacados os relacionados coa pesca e con Nacións Unidas a través da FAO.

Neste apartado, complementario da exposición bio-bibliográfica que sobre el presentou o Museo con motivo do Día das Letras Galegas, ofrécese, ademais de imaxes de dita mostra, a correspondencia que mantivo con Francisco Javier Sánchez Cantón, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Rodolfo Prada, Bibiano Fernández Osorio-Tafall ou Xosé Filgueira Valverde, información impresa sobre a súa participación como candidato a diputado nas eleccións de 1931 e 1933, libros e artigos da súa autoría conservados no Museo e fotografías nas que aparece intervindo en actos desta institución. Tamén se amosan os debuxos da serie As mulleres, realizados por Castelao, que Valentín Paz Andrade doou ao Museo en 1974.

Premendo nas fotografías e nos apartados seguintes achará o usuario interesado información sobre todos estes aspectos.