Mar e a pantasma das treboadas
O Museo de Pontevedra expón os orixinais das doce ilustracións que realizou o artista Xavier Magalhães para o libro Mar e a pantasma das treboadas, escrito por Clara do Roxo, que vén de publicar o Museo.
Xavier Magalhães (Pontevedra, 1953) é un apaixonado da pintura. Fórmase primeiro de maneira autodidacta e logo co seu mestre Laxeiro, viaxando e expoñendo en países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Francia ou Portugal. Magalhães pinta paisaxes, animais, corpos... movéndose entre o simbólico e o abstracto. A súa obra está presente en coleccións como o Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), o CGAC (Santiago de Compostela), o Museo de Arte Moderno de Buenos Aires e a Colección Bilgrim Haus Soest (Alemaña).
Mar e a pantasma das treboadas é un libro para público infantil que conta a historia de Mar, unha nena solitaria que só sae da casa para visitar o Museo. Alí vive o pantasma de Teucro, o mítico fundador da cidade de Pontevedra, da que nada queren saber os outros espíritos que habitan o Museo. Unha forte treboada fai que Teucro contacte con Mar a través do ordenador. Aí comeza un intercambio de pareceres, xogos e intereses que, treboada a treboada, se vai convertendo en amizade.
Coordina: Departamento de Publicacións do Museo de Pontevedra