Simposio: Antonio Palacios. Obra e legado
Xoves 4 a sábado 6 de abril, Edificio Castelao
Este ano 2024 cómprense 150 anos do nacemento no Porriño de Antonio Palacios. A condición de Palacios como gran figura protagonista na renovación do panorama da arquitectura española do primeiro terzo do século XX motiva a organización deste simposio de especialistas para reivindicar a vixencia da súa obra e dun legado repartido principalmente entre Galicia e Madrid.
O simposio achega diferentes visións actualizadas de expertos na obra de Antonio Palacios, incluíndo algúns dos estudosos que desde os anos oitenta do século XX veñen chamando a atención sobre a modernidade e leccións da boa arquitectura materializadas polo porriñés. Tamén integran o programa do simposio as colaboracións de especialistas no contexto arquitectónico internacional e nacional, nas artes que completaron a calidade estética dos seus edificios, desde a escultura ata a cerámica, ou nas conexións vitais e profesionais que foi tecendo con diferentes lugares da súa andaina vital.
As mesas redondas que pecharán cada xornada abrirán ademais a posibilidade de achegar outras miradas máis plurais á obra de Antonio Palacios a cargo de arquitectos, historiadores, responsables de museos e comisarios de exposicións. Desde o papel pioneiro que tivo na aplicación do granito das canteiras do Porriño ata o interese pola conservación do patrimonio histórico, pasando pola integración da arquitectura nas paisaxes urbanas e rurais, estas outras valoracións da súa obra serán obxecto de diálogo entre os convidados.
Deste xeito, a través das contribucións reunidas nos relatorios e mesas redondas, será posible transmitir ao público as liñas principais do ambiente arquitectónico que rodeou a Antonio Palacios, revisar o catálogo de obras que integran a súa produción, completar a panorámica das súas colaboracións con outros artistas, e valorar máis xustamente o legado dos edificios construídos ou proxectados, a aportación que fixeron na arquitectura e no patrimonio do país.
Atopándose na provincia de Pontevedra a maioría dos edificios que deseñou para Galicia, as xornadas do simposio pecharán o sábado 6 de abril cunha visita guiada ás obras repartidas por Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balenario.
Cómpre recordar, finalmente, que Antonio Palacios estudou bacharelato en Pontevedra e mantivo contacto con sobranceiros membros vencellados coa orixe e desenvolvemento do Museo de Pontevedra, como foron Casto Sampedro ou Francisco Javier Sánchez Cantón, sen esquecer a amizade con Alfonso Daniel R. Castelao. Na colección do Museo consérvanse, xunto a algún dos seus planos, significativos exemplos da súa produción como pintor, entre eles (ademais de dous retratos femininos ao óleo sobre tea, procedentes do legado do seu amigo o caricaturista Sileno), a primeira imaxe dunha das salas do edificio Castro Monteagudo, que Antonio Palacios pintou do natural o 28 de agosto de 1929 no Museo de Pontevedra, que acababa de inaugurarse. Este feito reafirma a pertinencia de que sexa este Museo o que acolla este encontro e conmemoración dunha figura fundamental da arquitectura e da cultura de comezos do século XX.
Actividade recoñecida para ser imputada cunha equivalencia de 1 ECTS nos estudos de grao en Historia, Historia da Arte e Xeografía e Ordenación do Territorio na Universidade de Santiago de Compostela.
PROGRAMA
Xoves, 4 de abril
De 9.30 a 13.00 e de 17.00 a 20.30
- 09.30. Recepción e entrega de credenciais
- 10.00. Sesión de benvida institucional
- 10.30. Conferencia de apertura. Antonio Palacios e a exposición do Museo Municipal de Madrid de 1987
Francisco Javier Pérez Rojas, Universidad de Valencia - 11.30. Pausa
- 12.00. Casticismo e cosmopolitismo na arquitectura española do cambio de século
Luis Sazatornil Ruiz, Universidad de Cantabria - 17.00. Tres arquitectos para un discípulo: Ricardo Velázquez Bosco, Arturo Mélida, Aníbal Álvarez e Antonio Palacios
Alberto Tellería Bartolomé, Madrid Ciudadanía y Patrimonio - 18.00. Obra inédita de Antonio Palacios
Álvaro Bonet López, Universidad Politécnica de Madrid - 19.00. Pausa
- 19.30. Mesa Redonda. Contextos e miradas á obra de Palacios
María Alba Rodríguez Álvarez, arquitecta municipal do Porriño
María Morente del Monte, Museo de Bellas Artes de Málaga
César Portela Fernández-Jardón, arquitecto
Isabel Ordieres Díez, Hispania Nostra
Modera: Álvaro Bonet López
Venres, 5 de abril
De 9.30 a 13.00 e de 16:30 a 20.30
- 09.30. Tres espazos urbanos para a cultura (e o lecer): Palacio de las Artes, Círculo de Bellas Artes e Teatro García Barbón
Jacobo Armero Chauton, arquitecto - 10.00. A contribución escultórica de Ángel García
Juan Manuel Arévalo Cartagena, arquitecto - 10.30. Arredor do tempo de Antonio Palacios: cerámicas e arquitectura
Antonio Perla de las Parras, Universidad Nacional de Educación a Distancia - 11.00. Pausa
- 11.30. Antonio Palacios e o ceramista Sebastián Aguado: "Farei de vostede un ceramista monumental"
Rosalina Aguado Gómez, Taller de Cerámica Aguado (Toledo) - 12.00. O Museo Zuloaga de Segovia como fonte documental para o estudo da cerámica aplicada na arquitectura de finais do XIX e principios do XX
Cristina Gómez González, Museo Zuloaga - 12.30. O modernismo na arquitectura de Antonio Palacios: fontes de inspiración e referencias estilísticas
Óscar da Rocha Aranda, Instituto de Humanidades Francesco Petrarca - 16.30. Utopías urbanas: o Plan de Reforma Interior e Ensanche de Vigo (1932)
Jesús Ángel Sánchez García, Universidade de Santiago de Compostela - 17.00. Culminación do proxecto duhna vila balnearia: as obras de Palacios en Mondariz
Yolanda Pérez Sánchez, Universidade da Coruña - 17.30. Antonio Palacios. Arquitectura relixiosa
José Ramón Soraluce Blond, Universidade da Coruña - 18.00. Imaxes e soños: arquitectura de Antonio Palacios en Galicia
Alfredo Vigo Trasancos, Universidade de Santiago de Compostela - 19.00. Pausa
- 19.30. Mesa Redonda. Legado de Antonio Palacios en Galicia
Pilar Corredoira López, comisaria de exposicións
Felipe-Senén López Gómez, Real Academia Galega de Belas Artes
Santiago Rodríguez Caramés, Universidade de Santiago de Compostela
Ruth Varela Rodríguez, UDC/CISPAC
Modera: Jesús Ángel Sánchez García
Sábado, 6 de abril
De 10.00 a 20:00 h
- Prazas limitadas
- Saída para visitar obras de Antonio Palacios en Vigo, Nigrán, Baiona, O Porriño e Mondariz-Balneario
- 10.00. Saída de Pontevedra
- 10.30. Vigo: visitas ao Teatro García Barbón e Banca Viñas Aranda
- 12.00. Panxón (Nigrán): visita ao Templo Votivo de Panxón
- 13.40. Baiona: visita á Virxe da Rocha
- 14.15. Xantar
- 16.00. 16.00. O Porriño: visita á Botica, fonte do Cristo, casa consistorial e templete do Metro. Tumba de Antonio Palacios
- 18.00. Mondariz-Balneario: visita ao balneario
- 19.30. Retorno a Pontevedra
Organiza: Museo de Pontevedra e Grupo de investigación IDEAHS (GI-1510), Universidade de Santiago de Compostela
Dirixen: Jesús Ángel Sánchez, catedrático de Historia da Arte, Universidade de Santiago de Compostela, e Álvaro Bonet, arquitecto, Universidad Politécnica de Madrid
Coordina: Agar Ledo Arias, Museo de Pontevedra
Apoia a coordinación na saída do sábado 6 de abril: Aldana Fernández Cambas, Universidade de Santiago de Compostela