Seminario: Museos, feminismos, canon. Outras historias da arte

Xoves 29 de febreiro, de 16:00 a 19:30 h no Edificio Castelao

Diana Cazadora

Organiza: Museo de Pontevedra, coa colaboración da Área de Antropoloxía social e cultural da Universidade de Vigo

Enmarcada dentro das liñas de investigación sobre a perspectiva de xénero e a necesidade de pensar novas narrativas nos museos do século XXI, a segunda edición do seminario ‘Museos, feminismos, canon’ repasará algúns dos estereotipos femininos que perduraron durante séculos e o papel que teñen os museos na transformación social que recoñeza a importancia da muller na historia e na historia da arte. Estas novas narrativas contribúen a cuestionar o canon establecido e a desenvolver relatos que permitan imaxinar novas posibilidades no ámbito da museoloxía.

O obxectivo do seminario é debater sobre a importancia da perspectiva feminista na institución museística para cuestionar a perpetuación de determinados discursos que a museoloxía crítica propúxose revisar dende os anos noventa. Cuestionar modelos historiográficos que exclúen ás persoas por razóns de raza, xénero ou clase é un dos retos éticos contemporáneos no ámbito dos museos, que avanzan paralelamente aos cambios que, nos últimos anos, permitiron afondar no recoñecemento do papel dos mulleres na historia. Trátase de reorientar estratexias; non só de dar presenza á muller nas coleccións, senón de revisar os discursos patriarcais sobre os que se constrúe a historia da arte. 

16:00. Presentación do seminario

Mª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra

16:15-17:15. Conferencia: Os lugares das mulleres na historia: novas narrativas desde os museos do século XXI

Isabel Izquierdo Peraile, directora do Museo Arqueológico Nacional (MAN).

O recoñecemento da muller, así como doutros grupos sociais tradicionalmente invisibles no pasado, foi impregnando as investigacións históricas e arqueolóxicas das últimas catro décadas no noso país e no contexto internacional. A visión do papel e dos lugares da muller dende a Prehistoria ata o mundo contemporáneo vaise transformando pouco a pouco, aínda que queda moito camiño por percorrer. Ao mesmo tempo, os museos, como institucións de referencia na sociedade, avanzan neste recoñecemento da muller na historia. As novas narrativas impulsan a transferencia deste coñecemento cada vez máis grande e menos nesgado á sociedade. Neste sentido, darlle visibilidade á axenda feminina ao longo da historia e mediar cos diversos públicos dos museos ofrece grandes oportunidades no ámbito da educación patrimonial, especialmente para o público infantil e xuvenil, así como novas posibilidades de transformación social.

17:15-17:30. Descanso

17:30-18:30. Conferencia: Estereotipos femininos. A súa representación nos mosaicos romanos

Mª Luz Neira Jiménez, catedrática de Historia Antiga, Universidad Carlos III de Madrid

Xa na Antigüidade Clásica, os testemuños da cultura escrita e as manifestacións da cultura visual reflicten unha serie de estereotipos femininos, cuxa repercusión ao longo da historia chegou nalgúns casos ata os nosos días. Particularmente representativas son as imaxes conservadas na musivaria romana, onde se documenta un amplo repertorio de figuras femininas, entre as que tamén se atopan algunhas de carácter mitolóxico, que responden segundo as mencións nas fontes literarias á consideración da muller na sociedade romana da época imperial. Incídese no papel das esposas, nais, fillas, mulleres virtuosas, e nas súas antíteses, que representaban o modelo a evitar, así como outras sensibilidades que reflicten diferentes estereotipos, fóra da estrutura familiar tradicional do Imperio Romano. Ademais, como consecuencia da gran diversidade de escenas da vida cotiá, as representacións musivas tamén amosan un número moi importante de figuras femininas en diferentes contextos, destacando entre elas criadas, músicos, bailaríns e actrices, que actuaban tanto no ámbito doméstico como privado. así como nos espectáculos públicos, cunha aceptación desigual, segundo autores antigos. Moitos destes tópicos estiveron vixentes ao longo dos séculos, chegando ata os nosos días, polo menos nalgúns sectores da sociedade.

18:30-19:30. Conferencia: "Lecturas femininas"? Mulleres e libros na Baixa Idade Media

Rosa M. Rodríguez Porto, contratada Ramón y Cajal, Universidade de Santiago de Compostela, e Adjunct Associate Professor, Universidade do Sur de Dinamarca

Esta charla pretende ofrecer unha visión xeral da representación das mulleres lectoras na cultura visual baixomedieval, prestando especial atención á ilustración de libros tanto relixioso-devocionais como profanos. Máis aló de fórmulas visuais codificadas asociadas á figuración das mulleres sabias (Santa Catalina) ou das piadosas (a propia Virxe María na Anunciación), trataremos de analizar aqueles exemplos nos que as mulleres son representadas como autoras ou autoridades en termos intelectuais, así como discutir certos estereotipos sobre o que se considerarían "lecturas femininas" na Idade Media.

Acceso libre.

Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.

documentos

Vídeos