Concerto de deBiselas: Ecos de Castelao

Edificio Castelao, martes 29 de setembro de 2026, ás 19 h

O cuarteto de frautistas deBiselas é un colectivo multidisciplinar que fusiona nos seus concertos o sonoro, o plástico e o literario. Está formado por Sabela Galbán, Carlota Salgado, Valeria González e Bea Rodríguez.

Naceu na primavera de 2016, cando as súas catro fundadoras estaban en vías de finalizar os seus estudos de Frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Trátase dun proxecto que quere dar a coñecer a frauta travesa a través da súa sonoridade en ensemble. Ofrecen un programa no que a diversidade ten un papel moi importante: formacións de dúo, trío e cuarteto con repertorio que abrangue obras compostas no período Barroco, no clasicismo, no Romanticismo, en pleno século xx e tamén no momento presente.

Nesta ocasión, acode a textos de Castelao, extraídos de Cousas, Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galiza, que combinan con composicións de Carlos Gardel, Warren Barker e a Lela de Rosendo Mato.