O Museo de Pontevedra retira temporalmente da exposición pública o tesouro de Caldas para aplicar medidas de seguridade adicional
A medida promovida pola dirección do Museo afecta tamén a outras pezas prehistóricas de ouro que forman parte da colección
09/10/2026
O Museo de Pontevedra vén de retirar temporalmente da exposición permanente o tesouro de Caldas e outras pezas prehistóricas de ouro que ata agora se exhibían no Edificio Sarmiento. Trátase dunha medida preventiva de seguridade previa á aplicación dunha serie de actuacións de protección adicionais que a Deputación de Pontevedra vai acometer nos próximos meses.
Co fin de mellorar e reforzar as importantes medidas de seguridade coas que xa conta o Museo de Pontevedra, decidiuse retirar de maneira provisional da súa exposición permanente os conxuntos de maior valor material. O obxectivo é garantir a seguridade destes bens patrimoniais e a súa preservación para as xeracións futuras.
Esta retirada temporal afecta a varios bens da colección arqueolóxica do Museo de Pontevedra, todos eles de ouro. Da Idade do Bronce, retiráronse catro conxuntos: o Tesouro de Caldas de Reis; o tesouro de Agolada,
as braceiras de Lamela e o tesouro de Caldas II. Tamén se retiraron da exposición varias pezas da cultura castrexa: os torques do Tesouro de Foxados; o torque Arteaga e o Castromil; así como pezas de ouro que forman parte do Tesouro Bedoya, algunhas de orixe castrexa e outras galaico-romana.
