A Deputación de Pontevedra abre o proceso para seleccionar o comisariado da 33ª edición da Bienal
A edición de 2027 desenvolverase de maio a agosto, empregando como sedes os edificios do Museo de Pontevedra e incorporando unha sede en Vigo
03/02/2026
Tras o regreso histórico da Bienal de Pontevedra, cuxa 32ª edición reuniu este verán máis de 125.000 visitantes despois de quince anos de ausencia, a Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra poñen en marcha a súa próxima edición coa publicación do concurso público para elixir o equipo comisarial da 33ª Bienal de Arte, que se desenvolverá entre maio e agosto de 2027.
As bases, dispoñibles no portal de contratación da Deputación, buscan incorporar un comisario, comisaria a ou equipo capaz de definir e articular o concepto central da exposición, seleccionar artistas e obras e construír unha narrativa curatorial sólida e coherente. Deste xeito, ata o próximo 24 de febreiro ás 10:00 da mañá poderán presentarse ao concurso profesionais ou equipos con demostrada experiencia no deseño e desenvolvemento de proxectos expositivos ao longo dos últimos 15 anos, así como unha traxectoria mínima de 10 anos no comisariado de bienais internacionais de arte contemporánea.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destacou que “o regreso da Bienal de Pontevedra foi un verdadeiro salto cualitativo na proxección cultural da provincia, que volveu situar Pontevedra no circuíto internacional da arte contemporánea, cun grande impacto artístico, social e económico”. Para Domínguez, “hoxe damos un paso moi importante para a proxección da Bienal a medio e longo prazo, coa vontade de consolidar a Bienal como proxecto estrutural da política cultural da Deputación”.
O equipo seleccionado será responsable de definir a tese curatorial da 33ª Bienal, articular a súa narrativa expositiva e coordinar os diferentes ámbitos conceptuais e técnicos do proxecto. O concurso establece un premio de ata 10.000 euros para a proposta gañadora, que se integrará como anticipo dos honorarios profesionais, próximos aos 60.400 €.
A 33ª Bienal celebrarase entre maio e agosto de 2027, arrancando xa antes do verán: “apostamos por un modelo máis sostible, conectado co tecido cultural, coa programación museística e coa cidadanía, que permita estender a súa influencia máis alá dun período concreto do ano e reforzar o seu papel como espazo de creación, reflexión e encontro”, salientou o vicepresidente da Deputación.
Unha característica da próxima edición é que se reducirá o número de sedes. As principais serán os edificios do Museo de Pontevedra: o Edificio Castelao, o Edificio Sarmiento, a Igrexa de Santa Clara e as Ruínas de San Domingos. Como novidade, incorporarase unha sede en Vigo: a sala de exposicións de Sede Afundación.
O xurado estará integrado por Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra, xunto con dous perfís externos de especial relevancia no panorama artístico contemporáneo. Carlos Cuadrado Romay, secretario xeral da Deputación de Pontevedra, completa o grupo, cuxa participación garante un proceso de valoración sólido, plural e conectado cos debates máis avanzados da creación contemporánea.
