‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ fai historia no Museo de Pontevedra con 26.376 visitantes

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, convida á sociedade a achegarse ao Museo, que exhibe a maior parte da obra artística de Castelao, incluíndo o debuxo orixinal no que se baseou o cadro

29/09/2026

‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ fai historia no Museo de Pontevedra con 26.376 visitantes

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, fixeron hoxe balance da exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’, que pechou as súas portas o pasado domingo despois de permanecer tres meses aberta ao público, desde o 25 de xuño. Segundo explicou o vicepresidente, neste tempo, 26.376 persoas pasaron por esta mostra, o que a converte nunha mostra histórica para o Museo, tanto pola relevancia de acoller esta obra icónica de Castelao como polo enorme impacto que tivo no público asistente.

Só no último día 644 persoas viron a mostra en tres horas, con grandes colas para acceder á sala que se prolongaron polo exterior do edificio. As visitas guiadas que se desenvolveron os mércores, xoves e sábados desde o inicio da exposición xuntaron 608 visitantes, aos que hai que sumar outros 382 noutras visitas en grupo concertadas. Ademais, 1.154 alumnos e alumnas de E.S.O. e Bacharelato de 16 centros escolares de Galicia participaron en visitas especiais nestas dúas últimas semanas, coincidindo co inicio do curso escolar.

Rafa Domínguez destacou que “Castelao forma parte do patrimonio común de Galicia, e a súa difusión e posta en valor contribúen a preservar e achegar á cidadanía o noso legado cultural e identitario” destacando que esta cidade protexe, coida e reivindica o seu patrimonio sen apropiarse del.

A directora do Museo, Ángeles Tilve sinalou que “A resposta do público a esta exposición foi realmente sorprendente e mesmo superou as nosas expectativas. Esta exposición quedará gravada e rexistrada para sempre na historia do Museo de Pontevedra”.

Nos próximos días estará dispoñible na web do Museo de Pontevedra unha versión dixital da exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’. Nesta versión expandida, as persoas usuarias poderán percorrer a sala tal como estivo durante os meses que permaneceu aberta a mostra. E non só iso: tamén incluirá os contidos en vídeo que se xeraron nos últimos meses, entre os que destacan as conferencias íntegras impartidas por Ángeles Tilve, Ramón Villares, Henrique Monteagudo e Manuel Gago. Tamén se recollen momentos destacados, como a saída do cadro de Buenos Aires, a chegada a Pontevedra ou a celebración do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, co depósito por parte de Amalia Bóveda das cascas do piñeiro fronte ao que o seu pai foi fusilado. Completan os contidos outros vídeos coas impresións do público, dos escolares galegos, dos representantes do Centro Galicia de Buenos Aires e da comunidade galega en Arxentina.

Unha mostra única

Na exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ todo o protagonismo recaeu neste cadro que Castelao pintou para o Centro Orensano de Buenos Aires no ano 1945 e que estaba en Galicia por segunda vez, a primeira que chegaba a Pontevedra. O lenzo situábase no centro da sala, como único elemento do muro principal, para chamar a atención sobre as súas considerables proporcións, 2 m de alto por 1,36 de ancho, e a súa forza dramática. A pintura foi concibida nun contexto de forte carga política e simbólica e presentada no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda (1903–1936), figura clave do galeguismo e amigo persoal do artista, ao que retratou na figura do home fusilado que protagoniza o cadro.

Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cedeu temporalmente para esta exposición e onde agora regresa. A mostra coincide coa conmemoración do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil e do asasinato de Bóveda, o que reforza o seu valor histórico e simbólico. O lenzo reproduce a estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums publicados por Castelao durante a guerra.

Galerías de imágenes