A Deputación transforma Novos Valores con dúas residencias artísticas en Bruxelas e Madrid para crear obras que se exhibirán na Bienal de Pontevedra

Publícase a convocatoria que levará a dous creadores emerxentes da provincia á Fondation Walter & Nicole Leblanc da capital belga e ao Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid

17/12/2024

A Deputación de Pontevedra, a través do Museo de Pontevedra, reafirma o seu compromiso coa creación contemporánea e os artistas novos. A institución provincial asinou convenios coa Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas e co Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid para poñer en marcha o programa de residencias artísticas Novos Valores. A convocatoria, que se publicou hoxe, permitirá a dous creadores emerxentes da provincia realizar residencias artísticas neses centros, co obxectivo de crear obras que se exhibirán o próximo verán na Bienal de Pontevedra.

Vinte anos despois de poñer en marcha o certame de artes plásticas Novos Valores en 2004, a Deputación reorienta este proxecto substituíndo o certame por un programa de residencias artísticas internacionais. O obxectivo é darlle un novo pulo cunha perspectiva máis actualizada. “Abandonamos o formato tradicional do certame de artes plásticas para abrazar unha iniciativa máis aberta, innovadora e global, que conecta a arte coa reflexión crítica e a participación social”, sinala Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación.

Búscase que o Museo de Pontevedra non sexa só un lugar de exhibición para os novos creadores, senón que  tamén contribúa á creación de obras plásticas. Domínguez explica que “este xiro estratéxico non só reforza o apoio aos artistas noveles da nosa provincia, senón que tamén consolida ao Museo como un verdadeiro motor cultural da provincia e da comunidade artística internacional, grazas á colaboración con entidades de prestixio a nivel europeo”.

A convocatoria que se publica hoxe concederá dúas axudas destinadas a promover a creación artística contemporánea en vivo. As persoas seleccionadas gozarán dunha residencia de catro semanas entre os meses de febreiro e abril na Fondation Walter & Nicole Leblanc de Bruxelas, e tres meses en Matadero Madrid, entre abril e xullo. A convocatoria está dirixida a creadores, investigadores ou comisarios nados ou residentes na provincia de Pontevedra, cun nivel de inglés ou francés alto.

As persoas solicitantes deberán presentar un proxecto artístico de creación específico, orixinal e inédito, de calquera modalidade de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e vídeo, entre outros. O proxecto deberá executarse durante o período das residencias e o resultado amosarase publicamente con motivo da Bienal de Pontevedra, que celebrará a súa 32ª edición do 21 de xuño ao 30 de setembro de 2025. Para desenvolver estas residencias, as persoas seleccionadas recibirán unha bolsa de 9.500 € cada unha.

Residencias artísticas

Este novo enfoque de Novos Valores supón unha consolidación da aposta do Museo de Pontevedra e da Deputación por favorecer a internacionalización da creación contemporánea galega mediante a fórmula de residencias artísticas. As que se convocan hoxe súmanse á que o organismo provincial organizou este ano na Academia de Arte e Deseño de Basilea, na que foi seleccionada a artista pontevedresa Andrea Davila Rubio.

Para poder executar estas novas residencias artísticas, a Deputación asinou un convenio de colaboración con Madrid Destino, Cultura, Turismo y Negocio SA para a realización das residencias artísticas no Centro de Creación Contemporánea Matadero Madrid, e coa Fondation Walter & Nicole Leblanc para a parte das residencias que ten lugar en Bruxelas. Estas entidades facilitan os espazos nos que se desenvolverán as residencias, mentres que a Deputación de Pontevedra aporta 19.000 € e asumirá os custos relativos ao transporte das obras, unha vez rematada a residencia.

A Deputación de Pontevedra pretende con esta iniciativa seguir apoiando a creación artística, así como dar visibilidade a proxectos artísticos contemporáneos, impulsar a formación e a promoción da arte, e contribuír ao establecemento de redes creativas e colaborativas na arte, o deseño e a ciencia, tanto desde a teoría como desde a práctica.