Conferencia de Manuel Gago: “Irmáns de terra: as árbores como marcos de memoria e identidade na cultura galega”
Edificio Castelao, xoves 24 de setembro de 2026, ás 19 h
A memoria do fusilamento de Alexandre Bóveda cobra unha especial intensidade a través do humilde resto dunhas cascas de piñeiro. En Galicia e nas culturas tradicionais europeas as árbores e a súa madeira funcionaron como dispositivos de memoria para as persoas e as comunidades, e exercen como marcos vivos do espazo común, notarios dos grandes acordos e prolongación viva daqueles que xa morreron. Esta conferencia percorrerá o papel das árbores na cultura galega ao longo da súa historia e o rol que se lles asignou como símbolos galegos a partir do Rexurdimento.
Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), director de culturagalega.gal, a plataforma cultural do Consello da Cultura Galega, e profesor de Ciencias da Comunicación na USC. Como divulgador cultural, Gago promove numerosas iniciativas de comunicación dixital ao redor da historia, da paisaxe e da cultura de Galicia. Como comisario de exposicións, é responsable de Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura; Alba de Gloria de Castelao, unha experiencia; Galicia, un relato no mundo; e as sete mostras Cidades no tempo.
