Rafael Úbeda. Expresións cromáticas

Datas: 22/06/2023 - 17/09/2023
Localización: Edificio Castelao

Conformada por medio cento de obras, esta exposición xunta pinturas e algúns debuxos das tres últimas décadas de produción artística de Rafael Úbeda. A mostra propón un itinerario que afonda naqueles aspectos que estiveron presentes ao longo da súa traxectoria e definen a súa linguaxe. Escolléronse obras que ilustran con nitidez os seus argumentos estilísticos e que deron lugar a unha pintura de factura recia, situada en parte na contorna dunha linguaxe poscubista, arraigada nuns cimentos que remiten ao expresionismo europeo.

O título da mostra, ‘Expresións cromáticas’, remite ás esencias multiformes da obra de Úbeda e á exaltación dunha das grandes calidades que comporta a súa pintura: a “expresividade cromática”, un dos principais signos distintivos que cruzará toda a súa obra, desenvolvida en diferentes áreas creativas, como son a pintura, o muralismo, o debuxo ou o gravado.

Nas creacións que forman esta mostra quedan reflectidas as principais preocupacións do artista, entre elas a importancia outorgada á figura humana, distribuída en composicións solitarias ou en grupos; intencionadamente deformada, expresionista. Así mesmo, Úbeda traslada á súa pintura as incertezas, as complexidades da vida, e convérteas en materia plástica, en accións que denotan movemento e actividade.

Na ampla colección de personaxes e elementos que poboan os seus cadros, aparecen artistas circenses, actores, máscaras de entroido e, sobre todo, músicos e músicas que tocan diferentes instrumentos, formando grupos ou illados. Úbeda definiuse como “artista sinestésico”, porque “intúe cores nos sons e sons nas cores”; á música dedica boa parte das obras presentes na mostra.

Comisaria: Pilar Corredoira

Dossier para medios de comunicación