Origami

De papel a obra de arte
Datas: 04/11/2021 - 23/01/2022
Localización: Edificio Castelao

 A través dunha selección de figuras da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), un dos poucos museos de papiroflexia que existen no mundo, a exposición ofrece un percorrido histórico onde se desvelan os inicios do origami tanto no mundo como en España, onde a máxima relevancia recae no Grupo Zaragozano de Papiroflexia fundado en 1944, e salientando ademais a figura de Miguel de Unamuno como un dos principais impulsores desta técnica no século XX.

O relato está dividido en varias seccións, cunha primeira de Introdución na que se fala da habilidade de dar a un anaco de papel a forma de determinados seres ou obxectos. A parte do Origami elemental inclúe todos os modelos da papiroflexia tradicional, caracterizada por empregar un mínimo de recursos fléxicos. Unha terceira zona está dedicada ao Origami esencial, un estilo que naceu a mediados do século XX a partir da obra de Akira Yoshizawa, cun modo de traballar o papel co que o artista trata de expresar unha emoción a través do pregado. O cuarto apartado, de Origami orgánico, é o que permitirá ver modelos que seguen os patróns da bioloxía e tamén da xeoloxía, mentres que no Origami hiperrealista, amósanse obras nas que se busca o máximo realismo sen sacrificar a expresividade.

Origami escultórico, xeométrico, teselado e unha unidade de metaorigami na que se inclúen obxectos de papel tratados de forma heterodoxa e outros materiais susceptibles de recibir algunha forma de traballo similar (tea, cartón, metal…), completan a proposta expositiva desta mostra que poderá verse no edificio Castelao desde o 4 de novembro ata o 23 de xaneiro.

Obradoiros

Para completar esta acción, o departamento de Educación celebrará obradoiros de papiroflexia destinados a todos os públicos a partir de 5 anos de idade, -sendo preciso que a cativada menor de sete anos veña acompañada dunha persoa adulta-. Serán os días 6 e 20 de novembro, e o 11, 28, 29 e 30 de decembro, de 11.30 a 13.00 horas. Haberá un máximo de 20 participantes por sesión que deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal.


Visitas guiadas

Xoves ás 18:00 h.

Sen inscripción previa