Ao Son do Piano. Suelen Estar Quartet: Dear Caroline
Sábado 22 de marzo, ás 13 h, no Edificio Castelao
O cuarteto formado por María José Pámpano (violín), Elena Vázquez (violín), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo), en colaboración coa pianista Berta Fresco, interpreta pezas dunha das autoras contemporáneas máis recoñecidas, a norteamericana Caroline Shaw.
O concerto abre a segunda edición do ciclo Ao Son do Piano, no que no mes de marzo formacións acústicas ofrecen as súas propostas musicais arredor do piano de cola do Museo.
Sen partituras, pero herdeiros da tradición clásica e influenciados por estilos musicais tan diversos coma o free jazz, a música antiga, a música contemporánea ou a electrónica e experimental, Suelen Estar Quartet preséntase como unha formación pioneira na abordaxe da linguaxe da libre improvisación sobre os instrumentos de corda de tradición clásica. Unha rara avis dentro da escena nacional que explora os límites tímbricos e sonoros dos seus instrumentos en cada unha das súas interpretacións, baseadas en composicións en tempo real.
O cuarteto achégase nesta ocasión á música contemporánea da man das composicións de Caroline Shaw. Seducidos pola capacidade da compositora para entrelazar a estrutura con espontaneidade e polo seu enfoque innovador, Suelen Estar Quartet e Berta Fresco achegan o público ao fermoso universo de Shaw, gañadora de catro premios Grammy.
Programa do concerto:
- Second Essay
- Plan and Elevation
- Entr’acte
- Gustav Le Gray