A Deputación abre en xuño as portas do recinto conventual de Santa Clara para unha nova ronda de visitas guiadas

Terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas. O prazo de inscrición para solicitar praza para as visitas guiadas abrirá o 28 de maio e poderá realizarse a través da web do Museo de Pontevedra

02/05/2024

Convento Santa Clara en Pontevedra

A Deputación de Pontevedra abrirá en xuño as portas do recinto conventual de Santa Clara para unha nova ronda de visitas guiadas. Terán lugar o venres 7 de xuño ás 18:00 horas e os días 8, 15, 16, 22 e 23 de xuño ás 11:00 horas. O prazo de inscrición para solicitar praza para as visitas guiadas abrirá o 28 de maio e poderá realizarse a través da web do Museo de Pontevedra.

As visitas guiadas, a cargo do persoal da área de Educación do Museo de Pontevedra, realizaranse en grupos de 20 persoas e terán unha duración dunha hora. O percorrido iniciarase na igrexa e, a continuación, visitaranse diversas estancias como o coro baixo, o coro alto e o claustro. Ademais, as visitas guiadas tamén permitirán coñecer a zona verde do convento, tanto a horta coma o bosque.

O convento de Santa Clara, a súa finca e o muro están catalogados como ben con protección para a conservación monumental. A súa historia remóntase ao 1271, segundo a ficha do catálogo municipal, aínda que a primeira referencia directa documental do convento é de 1293, un documento que se conserva na Colección Casto Sampedro do Museo de Pontevedra que fai referencia á doazón que se fixo a Tareixa Pérez, monxa de Santa Clara. No século XIV constrúese a Igrexa, de estilo gótico, que conta cun importante conxunto de retablos barrocos.

O xardín é o gran atractivo do patrimonio natural en Santa Clara, un espazo cunha extensión de preto de 12.000 metros cadrados no que crecen grande cantidade de árbores froiteiras. Ademais tamén conta cunha horta na que as monxas cultivaban e producían diferentes produtos, entre os que destacan as vides para a produción de viño.