Xornada Imaxes en Reserva: os Arquivos Fotográficos dos Museos
Venres 27 de marzo de 2026 no Edificio Castelao
Esta xornada nace co obxectivo de propiciar un espazo de reflexión e diálogo arredor do papel fundamental que desempeñan os arquivos fotográficos nas institucións museísticas. Tradicionalmente situados nun segundo plano fronte ás coleccións expostas, estes arquivos constitúen un patrimonio documental e visual de enorme valor histórico, artístico e científico.
A xornada está vinculada á exposición Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século xix , que se pode visitar no Museo de Pontevedra ata o 5 de abril. Dirixida a persoal de museos que custodian arquivos fotográficos —das áreas de conservación, documentación, arquivo, restauración e investigación—, esta xornada aspira a xerar un intercambio de enfoques profesionais, proxectos e boas prácticas, así como a identificar os principais retos actuais e futuros dos arquivos fotográficos no contexto museístico. En definitiva, proponse repensar o lugar destas imaxes en reserva e reivindicar o seu valor como parte esencial do patrimonio cultural que os museos preservan e transmiten.
O acceso é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.
PROGRAMA
Mañá, de 10:00 a 14:00 h
- 10:00 h. Presentación
- 10:30 h. Conferencia de Beatriz Sánchez Torija, Museo do Prado
- 11:30 h. Descanso
- 12:00 h. Conferencia de Carolina Miguel Arroyo, Museo do Romanticismo
- 13:00 h. Conferencia de Carolina Pelaz Soto, Museo do Pobo de Asturias
Tarde, de 16:00 a 19:30 h
- 16:00 h. Conferencia de María Pilar Núñez Sánchez, Museo Etnolóxico de Ribadavia
- 17:00 h. Descanso
- 17:30 h. Conferencia de Belén Sáenz-Chas Díaz, Museo do Pobo Galego
- 18:30 h. Conferencia de Cristina Echave Durán e Reis Camiña Castro, Museo de Pontevedra
- 19:30 h. Clausura
