Arquivo documental - Museo de Pontevedra
Arquivo Documental
A formación do Arquivo Documental do Museo, ao igual que o Arquivo Gráfico e a Biblioteca, remóntase á mesma data de fundación da institución en 1927, incrementándose ao longo da súa historia con legados testamentarios, doazóns, depósitos e compras tanto de tipo persoal como procedentes de distintas institucións ou asociacións. A natureza e temática dos seus contidos é tamén moi diversa, e as datas dos documentos abarcan desde o século XII ata finais do século XX.
Como sucedeu con outras áreas do Museo, as primeiras grandes incorporacións do Arquivo foron os procedentes da Sociedad Arqueológica e de membros vinculados a ela, como o doutor José Casal y Lois. Estes dous conxuntos conforman o xerme do rico Arquivo e peza fundamental para o estudo da historia, historia da arte e a sociedade pontevedresa de finais do século XIX. A eles fóronse engadindo, por unha banda, os arquivos persoais de fundadores, directores, patróns, colaboradores e benfeitores da institución como Castelao, José Filgueira Valverde, Francisco Javier Sánchez Cantón ou Antonio Odriozola. Por outro lado, o Museo seguiu a tradición da Sociedad Arqueológica na recollida de arquivos familiares, como o da casa de Sotomayor ou o da familia Mendoza-Méndez Núñez, os máis dun millar de documentos medievais dos que son salientables os privilexios reais, ou a abundante colección de manuscritos de escritores e eruditos como Concepción Arenal ou frei Martín Sarmiento, só como pequeno exemplo dunha longa ringleira de autores.
Un apartado tamén importantísimo é o Arquivo Musical, formado por gravacións sonoras en diversos soportes, desde os antigos cilindros de cera (ou discos de ariston), ata os máis modernos discos de vinilo, e por conxuntos documentais, como o do fundador do coro Aires da Terra, Perfecto Feijoo, o de Antonio Iglesias Vilarelle ou o do insigne violinista pontevedrés Manuel Quiroga. Colección curiosa neste apartado é o conxunto de cerca de 50 libros de coro dos séculos XVII e XVIII de fábrica fundamentalmente zaragozana.
O arquivo xestiona tamén a documentación administrativa xerada diariamente pola entidade museística, fundamental para o estudo e catalogación das pezas que conforman a súa colección.