Castelao. A derradeira leición do mestre

25 de xuño a 27 de setembro de 2026
Datas: 25/06/2026 - 27/09/2026
Localización: Edificio Castelao

Comisaria: Mª de los Ángeles Tilve Jar

Por primeira vez exhíbese no Museo de Pontevedra A derradeira leición do mestre, o emblemático óleo que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886–1950) pintou en 1945 para o Centro Orensano de Buenos Aires. Esta entidade fixera posible un ano antes a publicación de Sempre en Galiza, obra fundamental do seu pensamento político.

A pintura foi concibida nun contexto de forte carga política e simbólica e presentada no noveno aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda (1903–1936), figura clave do galeguismo e amigo persoal do artista.

Desde 1979 o cadro pertence á colección do Centro Galicia de Buenos Aires, herdeiro das asociacións da emigración galega na Arxentina, que o cede temporalmente para esta exposición. A mostra coincide coa conmemoración do 90 aniversario do inicio da Guerra Civil, do plebiscito do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936 e do asasinato de Bóveda, o que reforza o seu valor histórico e simbólico.

O lenzo reproduce a estampa número 6 de Galicia mártir, o primeiro dos tres álbums publicados por Castelao durante a guerra. Editado en Valencia en 1937, Galicia mártir integra, xunto con Atila en Galicia (Valencia, 1937) e Milicianos (Nova York, 1938), un conxunto que podemos considerar o “Guernica galego”, referente esencial da memoria antifascista, cuxos debuxos orixinais se conservan neste museo desde 1981.

Na escena represéntase, nunha sinxela paisaxe galega, o cadáver dun paseado diante de dous nenos, unha figura na que se recoñece a Alexandre Bóveda, fusilado en Pontevedra o 17 de agosto de 1936. Aínda que o breve texto ao pé da imaxe pode aludir á represión do maxisterio durante a Guerra Civil, o rostro recoñecible da vítima a quen Castelao definiu como “prototipo da cidadanía galega e mártir da liberdade”, simboliza a destrución da razón a mans do fanatismo e da violencia e converte a obra nunha homenaxe a todas as persoas que deron a súa vida pola República, a liberdade e a xustiza.

Castelao constrúe así unha homenaxe a Bóveda e unha reflexión sobre a súa “derradeira lección”, entendida como o sacrificio ata o martirio por Galicia, que adquire un valor simbólico e redentor: os nenos encarnan o futuro e a continuidade dos ideais galeguistas, de xeito que a violencia non consegue destruílos, senón proxectalos nas xeracións vindeiras.

A través dunha linguaxe que combina realismo e simbolismo, influída por Francisco de Goya e pola tradición gráfica europea do seu tempo, a obra constitúe unha poderosa denuncia da violencia e da intolerancia e un dos grandes símbolos da memoria democrática e da cultura galega contemporánea.