La Taberna

La Taberna é unha das obras máis destacadas da colección de pintura barroca do Museo de Pontevedra. Nela represéntase unha escena de vida cotiá que recrea o ambiente no interior dunha humilde taberna, unha temática, a de tabernas e mesóns, asociada ao xénero do bodegón, recorrente na pintura europea do século XVII.

Ao carecer de firma, atribuíuse a súa autoría a diferentes artistas, primeiro a Murillo, máis tarde ao pintor ourensán Antonio de Puga, logo a un pintor madrileño anónimo, seguidor de Velázquez ou da xeración posterior, a quen Eric Young denominou como Pseudo-Puga, para diferencialo do verdadeiro Puga. Os traballos de Roberto Contini (2016) e Gonzalo Hervás (2017) volveron permitir atribuír esta obra a Antonio de Puga e por tanto situar a súa data de execución á época deste artista. Esta última atribución fundaméntase, ademais de pola súa atmosfera arcaicamente realista, no tipo de indumentaria e sobre todo porque tanto A Taberna como El afilador aparecen citadas no inventario da colección de Philippe Charles d'Aremberg, duque de Aarschot, ao falecemento deste en 1640.

O pintor ourensán Antonio de Puga (1602-1648) foi un artista contemporáneo de Velázquez con taller propio en Madrid que gozou de fama como pintor de paisaxes e retratos no Século de Ouro. A súa biografía foi rescatada do esquecemento, na década de 1950, por María Luisa Caturla.

A única obra segura súa é San Jerónimo penitente, asinada e datada en 1636.

Entre os cadros máis relevantes que se lle atribuíron ou se lle atribúen, todos eles sen firma, están El afilador (Museo do Hermitage, San Petersburgo), El aceitero (Museo Goya, Castres) e La sopa de los pobres (Museo Ponce, Porto Rico), que xunto con La Taberna Hervás sitúa dentro da colección de Philippe Charles d'Aremberg, duque de Aarschot, ao falecemento deste en 1640.

Outra obra conservada no Museo atribuída a Antonio de Puga é un óleo representando a unha anciá sentada, depositado polo Museo del Prado.

Ficha Técnica

Título
La Taberna

Autor
Atribuído a Antonio de Puga (1602-1648)

Estilo
Barroco

Data
S. XVII | Ca. 1625-1640

Técnica
Óleo

Soporte
Lenzo

Dimensións
120 x 162 cm

Inventario
004136

Localización
Edificio Castelao, planta 1, sala 3

Saber más

Ademais de La Taberna e Anciana sentada, conta o Museo cun conxunto de obras de estilo barroco realizadas nos séculos XVII e XVIII, entre elas cabe apuntar obras atribuídas a mestres  como Ribalta, Ribera, Zurbarán, Murillo ou aos seus discípulos e sobre todo a colección de bodegóns e floreiros.