Conferencia de Francisco Prado-Vilar: ‘O tesouro dos arquivos: investigación, descubrimentos e o futuro do patrimonio de Galicia’

Xoves 13 de abril ás 19 h no Edificio Castelao

Conferencia de Francisco Prado-Vilar

O investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas) imparte esta conferencia. Nela percorre algúns dos descubrimentos recentes realizados froito da investigación en arquivos documentais e fotográficos, entre os que están os do Museo de Pontevedra, que contribuíron a revelar episodios descoñecidos da historia do noso patrimonio, dende as miniaturas perdidas do Códice Calixtino, pasando polas estatuas dos profetas do mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada do Pórtico da Gloria, ata as esculturas do tímpano do mosteiro de Carboeiro.

Destacarase a importancia destas investigacións, tanto para axudar nos procesos de recuperación de obras espoliadas e a súa reintegración ao patrimonio público, como para coñecer aspectos novos da súa relevancia histórico-artística. Exemplo diso é a reconstrución completa da fachada mateana da catedral de Santiago coa reintegración de todas as súas esculturas dispersas aos seus lugares e significados orixinais, incluídas as figuras dos profetas Enoc e Elías que hoxe forman parte da colección do Museo de Pontevedra, grazas aos esforzos de estudosos como Filgueira Valverde, Sánchez Cantón e Chamoso Lamas.

Francisco Prado-Vilar licenciouse en Historia da Arte pola USC, co premio extraordinario de Licenciatura, tras o que obtivo os títulos de máster (M.A) e doutoramento (Ph.D.) pola Universidade de Harvard. Antes de incorporarse á USC, ocupou cargos de investigación e docencia nas universidades de Princeton, Londres-Birkbeck, Complutense e Stanford, e foi Director de Proxectos no Royal Complutense College de Harvard, do que agora é investigador asociado.

A súa produción científica distínguese pola súa diversidade temática, carácter interdisciplinar e enfoques teóricos innovadores, explorando problemas históricos relevantes para a sociedade contemporánea e novos horizontes de coñecemento na intersección entre as humanidades e a tecnoloxía. Entre os temas tratados nas súas publicacións cabe destacar: a pervivencia do legado clásico; as relacións interculturais entre cristianismo, xudaísmo e islam, e os procesos de formación das identidades individuais e nacionais na Idade Media; as imbricacións entre a arquitectura imaxinada e a arquitectura construída no románico e o gótico; a teoría da fotografía na historia da arte e a arqueoloxía dos arquivos; intermedialidade, cognición e vida dos obxectos no Antropoceno etc.

Outro dos eixes da súa actividade profesional é o patrimonio (estudo, conservación, xestión, sustentabilidade, transferencia á sociedade, transición dixital e memoria histórica). Foi membro do comité do Selo de Patrimonio Europeo (EHL), por designación da Comisión Europea a proposta do Goberno de España, do que agora é conselleiro internacional; coordinador do comité científico para a restauración do Pórtico da Gloria; e Investigador Principal do Programa A. W. Mellon para o Pórtico da Gloria. No marco deste proxecto publicáronse os libros El Pórtico de la Gloria: Arquitectura, materia y visión; e El Pórtico de la Gloria: Conservación, policromía e transfiguración da materia, dispoñibles en acceso libre.

Vídeos