Presentación de ‘Mar e a pantasma das treboadas’

Xoves 30 de novembro, ás 19:00 h no claustro do Edifico Sarmiento

Edificio Sarmiento

Imaxe de ‘Mar e a pantasma das treboadas’

O Museo de Pontevedra presenta Mar e a pantasma das treboadas, un relato para público infantil escrito por Clara do Roxo e con ilustracións de Xavier Magalhães.

A publicación preséntase o xoves 30 de novembro ás 19:00 h no claustro do Edificio Sarmiento, onde se exhibirán as ilustracións realizadas para o libro.

O libro conta a historia de Mar, unha nena solitaria que só sae da casa para visitar o Museo. Alí vive o pantasma de Teucro, o mítico fundador da cidade de Pontevedra, da que nada queren saber os outros espíritos que habitan o Museo. Unha forte treboada fai que Teucro contacte con Mar a través do ordenador. Aí comeza un intercambio de pareceres, xogos e intereses que, treboada a treboada, se vai convertendo en amizade.

A autora do texto é Clara do Roxo. Filla de emigrantes galegos nacida en Caracas, volveu a Galicia con dez anos de idade e na actualidade reside en Vigo. É licenciada en Xeografía e Historia. Despois de obter varios premios de relato, en 2012 publicou a novela infantil A princesiña que conducía unha locomotora (Editorial Galaxia), coa que tentou rachar cos estereotipos de xénero. A  partir de entón sucédense as publicacións infantís, xuvenís ou para adultos, todas elas alicerzadas na emoción e na visibilidade. Ademais, desenvolveu obradoiros de escritura creativa e impulsou diversas iniciativas culturais, como a Asociación Cultural CatroPatacos e o colectivo de narradoras e músicos 4ghatos.

O responsable das ilustracións é Xavier Magalhães, pontevedrés de nacemento e vigués de adopción. Apaixonado da pintura, fórmase primeiro de maneira autodidacta e logo co seu mestre Laxeiro, viaxando e expoñendo en países como Arxentina, Uruguai, Cuba, Francia ou Portugal. Magalhães pinta paisaxes, animais, corpos... movéndose entre o simbólico e o abstracto. A súa obra está presente en coleccións como o Museo Municipal Quiñones de León (Vigo), o CGAC (Santiago de Compostela), o Museo de Arte Moderno de Buenos Aires e a Colección Bilgrim Haus Soest (Alemaña).