Goiás
A mañá do mércores 27 de xuño de 1928 un grupo de seminaristas realizou unha primeira excursión a Goiás, visita que repetiron polo menos noutra ocasión, o xoves 26 de xuño de 1930.
A igrexa de San Miguel de Goiás é un templo románico do século xii que conserva moitas das partes principais da primitiva construción. Del tomarían notas de planos e alzados do edificio e do seu importante conxunto lapidar, heráldico e epigráfico, que o fan único, e no que destacan especialmente as capelas funerarias dos Gundín Salgado e dos Taboada e Camba.
Nesta parroquia tamén visitaron o xa arruinado pazo de Beilás, do que fixeron bosquexos da súa planta e debuxos doutros elementos arquitectónicos.