Seminario ‘A escultura galega contemporánea. Estado da cuestión’

Xoves 19 de xaneiro, de 16:30 a 20:30 h. Edificio Castelao

02/01/2023

Seminario A escultura galega contemporanea

Coordina: Museo de Pontevedra, coa colaboración da Facultade de Belas Artes de Pontevedra

Ao longo do século XX, a escultura sufriu unha transformación radical representada, entre outros aspectos, pola liberación dos canons clásicos e a perda do seu carácter figurativo. O novo concepto escultórico xurdido nas vangardas está intimamente ligado ás rupturas da orde establecida, aos cambios sociais e políticos que se están a producir no mundo occidental e que dan lugar a unha nova visión da arte, a novas cuestións estéticas e formais imprescindibles para comprender a evolución da escultura desde finais do século XIX ata a actualidade. Este seminario organízase con motivo da exposición Eloxio do silencio, que o Museo de Pontevedra lle dedica a Silverio Rivas. Tratará de abordar tanto a recepción en Galicia das discusións que tiveron lugar sobre a escultura no ámbito internacional durante o século XX, como os desprazamentos da disciplina nas últimas décadas. O seminario concluirá cun repaso pola obra de Silverio Rivas e unha visita á exposición guiada pola comisaria e o artista.

16:30. Presentación do seminario

Ángeles Tilve Jar. Responsable da Área de Coleccións do Museo de Pontevedra

16:45-17:30. Conferencia: Breve historia da escultura contemporánea en Galicia

Miguel Anxo Rodríguez González. Profesor de Historia da arte, Universidade de Santiago de Compostela

A escultura experimentou nos últimos cento cincuenta anos unha transformación intensa, tanto no plano formal como no conceptual e no simbólico. Coas novas tendencias, mesmo se chegou a ver cuestionada nos ámbitos académicos, ao poñerse en primeiro plano a primacía da idea e o proxecto sobre a destreza técnica. Pero algúns síntomas están a advertir nestes anos da necesidade de volver a reparar, con outros ollos, na realidade dunha práctica artística que marca de modo decisivo o noso espazo público. A vocación pública da escultura precisa novas preguntas e novas ferramentas de avaliación, non tan supeditadas ao imperativo da modernización estética. Nesta conferencia partirase dos debates actuais en torno á arte no espazo público para revisar cento cincuenta anos de escultura en Galicia. Tal vez haxa que retomar o estudo das obras que buscaban monumentalizar e re-significar as prazas e alamedas das vilas do século XIX, para analizar como se materializaron os temas e como a comunidade se relacionou coas obras de arte. Mesmo unha análise detallada dos procesos de traballo e os materiais usados nos pode abrir novas vías para interpretar unha realidade peculiar de conexión entre as belas artes e as artes populares no noso contexto. Unha historia breve da escultura galega contemporánea debera comprender, ademais, a realidade escindida desta disciplina, que derivou pronto en dous ámbitos de actuación moi diferenciados: o espazo expositivo e o espazo público urbano.

17:30-18:30. Mesa redonda: Falar de escultura hoxe

  • Amaya González Reyes. Artista e profesora de Debuxo en educación secundaria
  • Basilisa Fiestras. Artista e profesora do departamento de Escultura, Facultade de Belas Artes, Universidade de Vigo
  • Javier Tudela. Artista e profesor do departamento de Escultura, Facultade de Belas Artes, Universidade de Vigo
  • Modera: Xosé Manuel Buxán Bran. Decano da Facultade de Belas Artes, Universidde de Vigo

Cun enfoque centrado na abordaxe práctica da escultura, esta discusión pretende reflexionar sobre a formación e o traballo escultórico na actualidade, sobre o lugar da escultura no contexto expositivo galego e internacional e sobre as perspectivas de futuro ante a disolución das fronteiras disciplinares. As e os integrantes da mesa redonda, artistas pertencentes a distintas xeracións e con vinculación á Facultade de Belas Artes de Pontevedra, teñen en común a súa aposta decidida pola práctica escultórica, que combinan cunha fonda reflexión en torno ao sistema da arte, aos actores que o conforman, ás redes de relacións e aos modos de organización.

18:30-18:45. Descanso

18:45-19:30. Conferencia: Eloxio do silencio. Unha achega a Silverio Rivas

Beatriz de San Ildefonso Rodríguez. Comisaria da exposición

No contexto da liña de traballo sobre a difusión e investigación da arte galega, o Museo de Pontevedra presenta a exposición ‘Silverio Rivas. Eloxio do silencio’, unha revisión da obra dun dos artistas de referencia para entender a escultura contemporánea en Galicia. Esta conferencia analizará a traxectoria de Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) a través dun percorrido polas súas obras desde os inicios na abstracción ata a actualidade. A obra de Silverio é o resultado dun respectuoso diálogo coa materia que o vai guiando no proceso de creación. Un traballo reflexivo que leva a cabo na soidade e o silencio dos seus diferentes talleres, onde desenvolve un intenso labor de investigación, sempre coa intención de crear unha obra nova e diferente fuxindo da monotonía.

19:30-20:30 Visita á exposición Silverio Rivas. Eloxio do silencio

  • Beatriz de San Ildefonso Rodríguez. Comisaria da exposición
  • Silverio Rivas. Artista

Videos