Conferencia: ‘Música e teosofía: Javier Pintos Fonseca e Mario Roso de Luna’

Impartida por Esteban Cortijo o venres 15 de marzo, ás 19:30 h no Edificio Castelao

Ilustración para a cuberta do libro ‘Beethoven teósofo’, de Mario Roso de Luna. Augada, 1916. Alfonso D. Rodríguez Castelao (1886-1950) Ilustración para a cuberta do libro ‘Beethoven teósofo’, de Mario Roso de Luna. Augada, 1916. Alfonso D. Rodríguez Castelao (1886-1950)

Esta conferencia pretende poñer de relevo o papel que tiveron Javier Pintos Fonseca e Mario Roso de Luna na constitución en 1913 do Grupo Marco Aurelio de Pontevedra, e as vinculacións con outros galegos interesados en buscar respostas na filosofía, a música e o estudo dos textos relacionados coa Sociedade Teosófica, xa coñecida en España, pero pouco estendida.

Estúdanse 39 cartas de Pintos a Roso e 22 de Roso a Pintos, á parte dalgunhas máis pertencentes a outros membros do mesmo grupo, como Francisco Regalado, Luis Gorostola, José Viaño Martínez, Jacobo San Martín Lozano, Manuel R. Solano e Benigno López Sanmartín, que contaban tamén co apoio doutros intelectuais como Rodríguez Aldao, Vicente Risco e outros. Moi pronto aparecerán discrepancias coa dirección desde Madrid e Barcelona da Sociedade Teosófica Española, con José Xifré, Treviño e a revista Sophia á cabeza, que levará aos galegos a buscar apoio en personalidades máis coñecidas; o principal foi o de Mario Roso de Luna, escritor estremeño situado en Madrid. Tamén hai algunhas cartas con líderes franceses como Edouard Schuré e Charles Blech.

Esteban Cortijo Paralejo (Cañamero, Cáceres, 1952) é doutor en Filosofía, licenciado en Ciencias da Información pola Universidad Complutense e catedrático desde 1983. Foi promotor e fundador da colectivo Filosofía para Niños, o Centro de Estudos Mario Roso de Luna, a loxia Os Fratres 120, e do Ateneo de Cáceres, do que foi fundador e primeiro presidente durante 15 anos. Foi autor de libros de filosofía, articulista en xornais como El Diario e director do Semanario pedagóxico C.P. no Periódico Extremadura. Entre os anos 1994 e 2000 dirixiu a revista iberoamericana Aprender a Pensar. Sobre estes temas, pero especialmente sobre aqueles relacionados coa figura de Mario Roso de Luna —de cuxas Obras Completas revisou, anotou e publicou moitos volumes—, participou en congresos en España, Portugal, Cuba, Francia, Arxentina e Brasil. Nesta ocasión presentará a correspondencia que mantiveron con Roso de Luna personalidades galegas, especialmente Javier Pintos Fonseca.

Acceso libre.

Videos