Conferencia: “Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso”, por Xosé Ramón Fandiño
Xoves 3 de abril de 2025, ás 19 h, no Edificio Castelao
O Día das Artes Galegas homenaxea este ano unha das persoas que máis traballou pola cultura galega no século xx, desde unha perspectiva comprometida e con afán transformador. Xosé Ramón Fandiño, escritor, investigador e membro do padroado do Museo do Pobo Galego, achegarase á súa figura.
Na conferencia, Fandiño abordará os primeiros 16 anos da vida de Isaac Díaz Pardo a carón de seu pai, o escenógrafo Camilo Díaz Baliño, na casa da Tumbona de Santiago de Compostela, de onde tivo que fuxir para escapar das gadoupas fascistas que o perseguían en 1936. Analizará os seus diversos emprendementos como pintor, ceramista, emigrante, ideólogo e creador cultural de espazos contra o baleiro, sempre co seu permanente compromiso co ideario republicano e autonomista, coas e cos inmolados, exiliados e coas causas xustas. Tamén falará do seu último fracaso, ao ser destituído en 2006 da dirección do grupo de empresas Sargadelos, constituído por Isaac e Luís Seoane a partir de 1963, cando no exilio arxentino crearon o Laboratorio de Formas de Galicia.
Xosé Ramón Fandiño Veiga é filólogo e editor. Foi director da Gran enciclopedia gallega e é autor de abundante obra como ensaísta, alén de colaborador de diversos medios de comunicación, especialmente da Radio Galega, onde o seu programa Galicia universitaria foi distinguido en 1995 co Premio V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Participou en varios proxectos do Consello da Cultura Galega, da USC e da Xunta de Galicia, entre os que destaca o comisariado da exposición itinerante dedicada a Castelao en 2011 con motivo do 125 aniversario do seu nacemento e o da exposición Ao pé do prelo. Luís Seoane, editor e artista gráfico (2010), para celebrar o centenario do nacemento deste.
Durante 10 anos foi colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información, factoría cultural do Grupo Sargadelos. Sobre a figura de Díaz Pardo comisariou as exposicións Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela (2018) e Isaac Díaz Pardo. Espazos contra o baleiro (Museo do Pobo Galego, 2025). Como autor deu ao prelo o libro Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso (2020).
O Día das Artes Galegas foi instituído pola Real Academia Galega de Belas Artes para homenaxear unha figura destacada das nosas artes. En edicións anteriores, as persoas ás que se lles dedicou foron o Mestre Mateo, Castelao, Maruja Mallo, Daniel de la Sota, Luis Seoane, Domingo de Andrade, Laxeiro, Martín Codax e Francisco Asorey.