Conferencia “De que falan os petróglifos?”, por Manuel Santos Estévez

Mércores 9 de outubro, ás 19:00, no Edificio Castelao

Conferencia “De que falan os petróglifos?”, por Manuel Santos Estévez

O Museo celebra o Día Europeo da Arte Rupestre coa conferencia “De que falan os petróglifos? Unha aproximación ao significado da arte rupestre en Galicia”, a cargo do arqueólogo galego Manuel Santos Estévez, do INCIPIT-CSCIC.

Está moi estendida a idea de que non é posible interpretar os diversos signos que os nosos antepasados deixaron gravados nas pedras, mais os últimos avances na arqueoloxía están a desmontar esta idea. Nesta conferencia imos presentar varios casos nos que, cunha metodoloxía baseada na arqueoloxía da paisaxe e en estudos etnográficos, é posible aproximarse á función e ao significado de moitos dos petróglifos prehistóricos galegos, manifestacións rupestres que foron realizadas ao longo de miles de anos, desde as combinacións circulares e as representacións de armas ata escenas de caza.

Manuel Santos Estévez é arqueólogo especialista en arte rupestre. Doutor en Historia dende 2004 pola Universidade de Santiago de Compostela, foi membro do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe e do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento do CSIC entre 1995 e 2009, onde dirixiu medio centenar de traballos arqueolóxicos entre os que cabe destacar o proxecto de documentación do Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro. En 2009 desenvolveu o seu traballo como investigador no Instituto de Historia do CSIC en Madrid. Entre 2014 e 2020 foi investigador postdoutoral na Universidade do Minho en Portugal e dende 2022 forma parte do INCIPIT-CSIC en Santiago de Compostela. Tamén participou en proxectos relacionados coa arte rupestre en diversos países como Suecia, Chile, Colombia e Portugal. Ten escrito máis de medio centenar de publicacións nacionais e internacionais sobre arte rupestre, escultura e arqueoloxía dos espazos sagrados.