Conferencia: “A Galería das Coleccións Reais. Un miradoiro ao Patrimonio Nacional”
Impartida por Leticia Ruiz Gómez, directora das Coleccións Reais, o xoves 16 de maio, ás 19:30 h, no Edificio Castelao
A Galería das Coleccións Reais é o proxecto museístico máis ambicioso levado a cabo polo Estado español nos últimos corenta anos; unha infraestrutura que culmina unha idea nada durante a II República e recuperada hai vinte e cinco anos. Durante ese tempo, o fío condutor do seu relato expositivo foi cambiando e matizándose. No momento actual a galería preséntase como un percorrido que explica e afonda no sentido das numerosas e variadas obras artísticas que, acumuladas durante máis de catro séculos de historia nos palacios e na contorna natural ―bosques e xardíns― promovidos polas dinastías Austria e Borbón, conformaron un inxente patrimonio cultural e natural cuxa titularidade é das e dos españois desde 1931. Un legado que se compón, ademais dos chamados Reais Sitios, dos mosteiros e conventos historicamente dependentes da Coroa baixo o nome de Reais Padroados; un conxunto que ensancha os límites xeográficos, artísticos e cronolóxicos da institución e boa parte da nosa memoria.
Trátase dunha historia compartida da que forman parte o Museo do Prado, a Biblioteca Nacional e o Museo Arqueolóxico Nacional, cuxos fundamentais fondos iniciais proveñen igualmente das coleccións reais. Coma esas seminais institucións culturais, o proceso de nacionalización dos seus fondos iniciouse ao final do reinado de Isabel II, a última raíña que foi propietaria dos bens históricos da Coroa. Cun desenvolvemento complexo, o proceso concretouse en 1931, cando eses bens pasaron a ser patrimonio de todas e todos os españois.
A institución que vela pola custodia e conservación de toda esa herdanza común é Patrimonio Nacional. Explicar o sentido da nosa institución e de todos os inmobles, paisaxes e bens artísticos conservados é o fundamento esencial do que pode verse nesta galería; un conxunto de obras e un relato expositivo que non pretenden resumir nin substituír a visita aos Reais Sitios e Padroados, máis ben ao contrario. O percorrido explica a importancia dos bens da institución e sitúaos no contexto da súa creación e significado. A galería aparece como un escaparate comprensivo da complexa realidade cultural dunha das institucións patrimoniais máis importantes de Europa.
Leticia Ruiz Gómez é doutora en Historia da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid, ademais de graduada en Restauración pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Madrid, centro no que tamén foi docente. En 1999 ingresou no Corpo Facultativo de Conservadores de Museos, con destino no Museo Nacional do Prado, no que durante máis de vinte anos foi xefa do Departamento da Área de Pintura Española Anterior a 1700 e da Área de Marcos. Centrou unha parte fundamental da súa actividade profesional en estudar a obra do Greco, da cal está a concluír o seu catálogo razoado despois de publicar en 2008 o do Greco no Museo do Prado. Foi comisaria de numerosas exposicións sobre artistas do Renacemento e primeiro naturalismo español, con especial dedicación ao citado autor, pero tamén de personalidades coma Juan Correa de Vivar, Luis de Morales, Juan Bautista Maíno, Sofonisba Anguissola e Lavinia Fontana. A última exposición, unha monografía sobre o Greco, organizouse no Museo de Belas Artes de Budapest (2022). Desde decembro de 2020 é directora das Coleccións Reais do Patrimonio Nacional, onde liderou o proxecto museográfico e a apertura da Galería das Coleccións Reais en xuño de 2023.