É tempo de xogar. Colección Juan Manuel Alfaya Ocampo

Datas: 29/11/2024 - 09/02/2025
Localización: Edificio Castelao

Comisario: Juan Manuel Alfaya Ocampo

 

É tempo de xogar é unha pequena escolma dos cerca de 700 xoguetes antigos que forman a colección de Juan Manuel Alfaya Ocampo.

Os xogos e os xoguetes son tan antigos coma a propia humanidade. Os primeiros estaban fabricados con arxila, madeira, óso ou fibras vexetais e consistían principalmente en bonecas, reproducións de animais, bólas, arcos e buxainas, pequenos instrumentos musicais, barcos, miniaturas de obxectos cotiás... Con poucos medios e con moita imaxinación, nenas e nenos de todo o mundo xogaron durante séculos.

Desde a Revolución Industrial no século xix ata hoxe a fabricación de xoguetes experimentou novas formas e novos materiais coma o ferro, o latón, o cristal, os plásticos ou mesmo a electrónica e a informática. Agora, ao igual que en tempos pretéritos, seguen a ter o mesmo cometido, que é o de ser, parafraseando unha das definicións achegadas polos dicionarios, "os obxectos cos que as nenas e nenos xogan e desenvolven determinadas capacidades", en clara referencia aos xoguetes lúdicos e aos educativos.

Os xoguetes que forman esta exposición foron creados entre as décadas de 1890 e 1960 e pertencen a marcas españolas tan destacadas coma Rico, Payá, Sanchís, Teixidó, Picó, Casanellas, Seix Barral, Sagarra, Mariquita Pérez e Jecsan. Tamén doutros países, como Gunthermann, Lehmann, Fernand Martin, Arnold, Hess, Tecnos, Strauss, Distler, Bühler, Rossignol, Goso, Marx, Bonnet, Vebe, Lego, Joustra ou Matarazzo.

Aquí atopamos principalmente xoguetes de lata, pero tamén doutros materiais coma chumbo, cartón, madeira ou plástico. Destacan os autómatas, moitos deles centenarios, que reproducen con gran realismo sorprendentes movementos. Tamén os teatros, de marcas como Schreiber, Paluzie e Pellerin-D’Espinal. En definitiva, amósanse xoguetes para todos os gustos, habilidades e temperamentos.

Esta mostra quere ser, desde o propio título, unha invitación a xogar dirixida ás nenas e nenos, pero tamén ás persoas adultas. É unha viaxe no tempo para descubrir os obxectos cos que se divertían xeracións anteriores; as e os cativos sorprenderanse coas cores, os materiais e o enxeño destes trebellos, e as persoas maiores recoñecerán xoguetes da súa infancia cos que quizais non puideron xogar no seu día. Esta é a súa oportunidade de volver vivilos.

 


Visitas guiadas

Mércores e venres ás 18:00 h, a cargo do coleccionista, Juan Manuel Alfaya Ocampo

Para visitas guiadas fóra dese horario (asociacións e grupos a partir de 10 persoas): educacion.museo@depo.gal / 986 80 41 00 ext. 42416/42413