Retablo de Belvís

Este retablo debe o seu nome ao lugar para o que foi realizado, a igrexa do convento de Santa María de Belvís, de Santiago de Compostela. A súa importancia radica en que se trata do único retablo de época medieval pintado sobre madeira que chegou ata nós no ámbito galego.

A pesar da falta de pericia de seu autor, a súa excelente conservación, a súa singular estrutura, a historia que narra e a recuperación do seu texto orixinal en lingua vernácula galega, dótano tamén de transcendental importancia a nivel peninsular. Vencellado ao estilo gótico lineal, a súa estrutura responde á tipoloxía pentagonal desenvolta na Coroa de Castela durante os séculos XIII-XIV, da que se conservan poucos fragmentos.

De arriba abaixo e de esquerda a dereita o retablo narra la lenda de san Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat, santo que gozou de gran devoción en Europa durante a Idade Media e cuxo culto en Galicia se documenta xa no ano 1288. Hoxe, a súa historia móstrase incompleta debido ás perdas que a peza sufriu nos seus laterais e na parte inferior.

Á importancia histórico-artística do retablo hai que engadir o singular da súa desaparición e o feliz achado no ano 2005 nunha colección particular. Coñecíase a súa existencia por unha fotografía en branco e negro realizada a propósito da súa participación na Exposición Rexional Galega de 1909, pero estaba en paradoiro descoñecido desde 1944.

Tras o seu achado, e por xeneroso depósito dos seus actuais propietarios, desde o ano 2010 exponse ao público no Museo de Pontevedra. Actualmente pódese contemplar no Edificio Castelao xunto a outras obras relevantes da época.

Ficha Técnica

Título
Retablo de Belvís

Autor
Anónimo

Estilo
Gótico

Data
Ca. 1380 – 1400

Técnica
Temple

Soporte
Madeira

Dimensións
196 x 162 cm

Inventario
2.159

Localización
Edificio Castelao, planta 1, sala 1.

Saber más

A lenda de san Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat é a historia dunha conversión colectiva que se sitúa no século II d. C. Toda unha serie de incoherencias históricas fan dubidar da existencia deste personaxe, que parece más ben a invención dun texto apócrifo dos tempos das Cruzadas.

Conta a lenda que Acacio foi un xeneral romano que, unhas horas antes de enfrontarse a un inimigo moi superior, foi animado por un anxo a profesar a fe cristiá. El e o seu exército convertéronse, vencendo na batalla porén, foron xulgados por traizón polos emperadores Adriano e Antonino, quen os condenaron a morte por non renunciar a súa fe.