Unha visita ilustre ó Museo

22/11/2013
Museo de Pontevedra

Hai xustamente 65 anos esperábase en Pontevedra a visita privada do duque de Alba, a súa filla Cayetana e o seu xenro Luis Martínez de Irujo. A correspondencia de Francisco Javier Sánchez Cantón con José Filgueira Valverde entre o 9 de novembro e o 5 de decembro de 1948 achega numerosos datos dos preparativos do evento, tanto máis curiosos por descubrir ó entón subdirector do Museo del Prado e ó director do Museo de Pontevedra respectivamente, enfrascados nun sucesivo intercambio dos máis mínimos detalles, dende as cuestións de protocolo, ás máis “superfluas” de elección do restaurante, menú, a vaixela ou os camareiros que servirían o xantar. Todo iso como mostra da súa implicación persoal nas ocasións en que o Museo se podía ver beneficiado, como expresa claramente Sánchez Cantón “… como creo que el viaje si en estos detallitos sale bien puede reportar algún beneficio a cosas más graves y hondas, desciendo a ellos”.

PROGRAMA DA VISITA

Era o 9 de novembro cando Sánchez Cantón comunica a Filgueira a viaxe por Galicia do seu amigo o duque de Alba, Jacobo Fitz-James Stuart y Falcó e os seus fillos, aludindo á súa única herdeira Cayetana, actual portadora do título, e ó seu marido dende facía pouco máis dun ano Luis Martínez de Irujo, fillo dos duques de Sotomayor. O calendario previsto establecía un fugaz paso por Pontevedra o 23 de novembro tras unhas breves estancias en Lugo, A Coruña e Santiago. A intención dos visitantes era a de ver as ruínas de San Domingos “…para sepulcros de Sotomayores – y el Museo…”, suxerindo Cantón que aquí o percorrido se iniciase entrando polo edificio Castro Monteagudo, “…enseñar el oro…” e saíndo polo García Flórez, evitando pasar dúas veces polas mesmas salas. Tras iso, se aínda dispoñían de tempo e o clima o permitise, quizais sería posible achegarse á Escola Naval, onde un sobriño do duque, Felipe Falcó, estaba a cursar estudos. O que si manifestaran os viaxeiros era a súa intención de ver o castelo de Soutomaior despois do xantar, aconsellando Sánchez Cantón o seguinte: “Convendrá…, discretamente, estés enterado de situación actual, posibilidades de venta, precio, mas, para no decir nada a nadie, ni a ellos sin ser preguntado”. A posible intención de compra do castelo por parte dalgún membro da Casa de Sotomayor insinúase en varias ocasións, aínda que de forma moi superficial.

Tras comunicar (a Filgueira) o programa de visitas, Sánchez Cantón fai unha serie de recomendacións moi precisas. A primeira delas relativa á discreción e actitude que se debe adoptar ante o encontro: “… deberá eliminarse incluso al Patronato – desde lueguísimo, todo lo oficial o semioficial. Huir de lo exhaustivo en las visitas; cortas y concretas, a lo que más vale la pena y lo más típico…..no les abrumes con demasiada ciencia y demasiados temas… largar cuerda a medida de lo que pidan, y antes parquedad que exuberancia”.

O MENÚ

En segundo lugar e aínda que Sánchez Cantón estará en Madrid para a data, expresa a súa vontade de convidalos ó xantar, permitindo ó arquitecto Salustiano Fernández Cochón como único acompañante de Filgueira na comida. Ademais elabora un menú e suxire encargalo no Hotel Engracia con tres datos esenciais: “1º la hora: una y media, absolutamente precisa; 2º un comedor chico, que esté a temperatura agradable; 3º comida sencilla y poco copiosa: una sopa bien hecha, un plato de huevos con picadillo de jamón, por ejemplo, y acompañados por arroz blanco, bien seco y un plato de carne, por ejemplo, lomo de cerdo asado, acompañado con patatas, alguna verdura (guisantes, judías verdes, alcachofas) y ensalada de lechuga con tomate; unas cañas de frente al Casino, fruta – peras y manzanas – café, cognac y anís. Como semichiste y si las preparan “a la antigua” –sin pimentón, tomate ni cebollas – con pan rallado, aceite bueno y perejil, unas vieiras. Los huevos podrían cambiarse por rodaballo frito, acompañado de salsa tártara y pimientos de Herbón – que no habrá”. Nunha carta posterior concreta as bebidas “… vino blanco de Fefiñanes, muy frío y tinto, si hay uno embotellado “Río Miño” de Peares, o el de Borrajo de Ribadavia; cuidad que éste no esté frío. Nada de ostras ni almejas crudas”. Para terminar, ante as dudas de Filgueira polo té da tarde, a resposta é contundente e denota unha vez máis o coñecemento dos gustos e costumes dos membros da Casa de Alba: “Él (o duque), su hermana y sospecho que su hija, odian de tal manera el té que ni como medicina casera lo admiten. A media tarde, y no después de las 6, si estáis con ellos, unas copas de Jerez y unas pastas es cuanto agradecerán”.

RESTAURANTE

Así como o programa e menú estaban claros dende o primeiro momento, a elección do lugar do xantar tivo as súas complicacións. Aínda que a oferta de hoteis e restaurantes en Pontevedra era ampla, ningunha das opcións que foron xurdindo reunía as condicións óptimas que convencesen plenamente os anfitrións para o evento; O Engracia segundo palabras de Filgueira, “no tiene cubiertos de pescado, ni reservado o saloncillo habilitable para comer…”, o Carabela resultaba “insoportable” e “frío” e tampouco contaba cun apartado acolledor, se ben podía habilitarse un espazo acoutándoo cun biombo, e o Casino resultaba “bastante absurdo”. Así pois Filgueira baralla novas opcións; o reservado da Estación, o Calixto ou mesmo saír da cidade ó Grove, Cesures ou Cambados, rexeitada esta última totalmente para evitar afastarse de Pontevedra. Mesmo chega a ofrecer a súa propia casa, aínda que ámbolos dous interlocutores coinciden en que esta alternativa tampouco é a máis oportuna. Finalmente parece atopar a solución no Hotel Progreso, situado na rúa do mesmo nome (actual Benito Corbal), “…con muebles de la casa de Cea… vajilla de Sargadelos, los dos mejores camareros de Pontevedra… Irigoyen de “maitre”… En cuanto al ajuar, llevaré de casa una mantelería de damasco de hilo… centro con flores bajas” e, o máis gracioso de todo, ensaio xeral a véspera en presenza das irmáns de Sánchez Cantón. Non obstante, deixa a decisión final en mans deste entre o Progreso, o Carabela e o Urquín.

Ó FINAL NON PUIDO SER

Non sabemos cal tería sido a proposta elixida. A tan esperada visita aprazouse primeiro unha semana, ó día 30 de novembro, e finalmente o 5 de decembro Cantón anuncia a suspensión definitiva da viaxe debido ó inadecuado de la época do ano para a convalecencia do duque, quen acababa de restablecerse dunha gripe

Mª Jesús Fortes Alén

Archivera do Museo