Un prato da vaixela dos Príncipes de Asturias (Carlos de Borbón e María Luisa de Parma)

28/10/2015
Museo de Pontevedra

Entre os obxectos de cerámica expostos no Salón Nobre do edificio Castro Monteagudo, pechado temporalmente para a súa rehabilitación, atopábase un prato que realizou a Real Fábrica de Porcelana de El Retiro por encargo, xunto a outras pezas, para reemprazar ós exemplares perdidos ou ampliar a espectacular vaixela que no seu día pertenceu a María Luísa de Parma e ó seu marido Carlos de Borbón, futuro Carlos IV. Un gran servizo de mesa que tiña sido elaborado na manufactura francesa de Sèvres en 1774 por orde do entón monarca Luis XV, avó da citada princesa de Asturias.

Neste artigo estúdase este prato chan de bordo lixeiramente festonado que se garda no Museo desde 1948 cando chegou coma un depósito do Museo Arqueológico Nacional. Está realizado, como o resto das louzas deste servizo real producidas na fábrica española e, a diferenza das francesas, en pasta tenra, materia prima similar á porcelana pero con ausencia de caolín na súa composición, o que lle dá un acabado máis cremoso e menos sonoro. Polo seu formato sería apropiado para os trincheiros ou os pratos correspondentes ó servizo de sobremesas onde se incluían, ademais dos doces, algunhas verduras (espárragos, xudías…), o pernil e os ovos.

Na decoración vese que se mantivo o mesmo deseño que nas pezas francesas alternando as paisaxes enmarcadas nun medallón con torreóns rodeados por grilandas de roseiras, todo enriquecido con aplicacións de dourado (orlas e grilandas) propias de las pezas de luxo. O resultado son escenas de exterior de aspecto difuminado, en cores suaves e con pouco detallismo, nos que o protagonismo recae na natureza salpicada con arquitecturas de estilo popular e algunhas figuras conversando, contemplando a paisaxe ou de camiño cara algún punto.

A peza se completa coa correspondente marca de fábrica, unha flor de lis en azul disposta na parte central da base no reverso. De factura un tanto esquemática e lixeiramente esvaecida, sitúa a execución da mesma, como as demais españolas, no último cuarto do século XVIII coincidindo coa que sería a segunda etapa produtiva da factoría real.

Ver artigo completo en Pdf

Natalia Fraguas