Un busto de Manuel Quiroga Losada

13/07/2011
Museo de Pontevedra

O 21 de xullo de 1911 regresa triunfalmente a Pontevedra Manuel Quiroga Losada que acaba de alcanzar, con tan só dezanove anos e en dura competición con outros corenta e tres aspirantes, o primeiro premio de violín do Conservatorio Nacional de Música de París. Ademais deste prestixioso galardón, que lle foi entregado o 13 de xullo e que o converte no segundo español en logralo despois de Pablo Sarasate, o novísimo Quiroga obtivera tamén os premios Sarasate, Jules Garcin e Monnot, o que motivou un multitudinario e soado recibimento na súa cidade natal. Así se iniciaba o definitivo desenvolvemento da carreira da que sería unha das personalidades máis destacadas da música española do século XX sobre a que o Museo de Pontevedra prepara, para os próximos meses, unha ambiciosa exposición conmemorativa coincidindo co cincuenta aniversario do seu falecemento.

Só uns días despois da súa soada chegada a Pontevedra o popular Manolo Quiroga posa para o escultor pontevedrés Fernando Campo Sobrino (1886-1956), gran amigo do seu irmán Carlos, e que, como el mesmo, fora pensionado pola Deputación Provincial de Pontevedra para realizar os seus estudos artísticos en Madrid. Fernando Campo, que residía na capital desde 1905, atopábase pasando as súas habituais vacacións estivais en Pontevedra, este ano traxicamente especiais, pois acababa de sufrir en maio a dolorosa perda do seu irmán pequeno, Enrique, o precoz e malogrado artista do que hai uns días publicabamos a recensión do centenario do seu falecemento, quen, á súa vez, fora un dos grandes amigos de infancia de Quiroga.

Fernando Campo -que a estas alturas xa obtivera cadansúas mencións honoríficas nas Exposicións Nacionais de 1906 e 1908, e con Sede, unha Terceira Medalla na edición de 1910- traballará no retrato de Manuel Quiroga ao longo do mes de agosto de 1911, unha obra que, xa terminada o día 20, foi moi encomiada pola prensa local. Trátase dun busto -cuxo baleirado en escaiola con pátina de bronce consérvase no Museo de Pontevedra procedente da xenerosa doazón efectuada en 1972 por Emilio Quiroga Losada, o seu irmán, Patrón da Institución- no que Campo, facendo gala das súas innegables dotes para o retrato, plasma con total fidelidade os trazos físicos do modelo, presentándoo cunha longa e sedosa melena ao Beethoven e certa afectación romántica, profundando na expresión da súa intensa mirada de xenio.

Bibliografía:

OTERO URTAZA, F. “Apuntes para una biografía musical” en Manuel Quiroga Losada (1892-1961). Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra, 1992 pág. 22.

TILVE JAR, Mª A., “O escultor Fernando Campo Sobrino” en Fernando Campo Sobrino (1886-1956), Pontevedra, Museo de Pontevedra, 2002, pp. 51-52.

Mª Ángeles Tilve Jar

Conservadora