Os irmáns García de Nodal e a Tierra del Fuego

19/09/2012
Museo de Pontevedra

Un 27 de setembro, pero de hai 394 anos (era o ano 1618), dúas carabelas partiron de Lisboa mandadas por dous mariños pontevedreses: Bartolomé e Gonzalo García de Nodal. A súa misión era comprobar a veracidade da existencia dun novo paso para entrar no océano Pacífico: o cabo de Hoorn, descuberto o 29 de xaneiro de 1616 polos holandeses Willem Schouten e Jacob Le Maire.

Os expedicionarios puxéronlle esta denominación en recordo do porto holandés do mesmo nome e dun dos dous barcos da expedición que se incendiara cando o estaban a carenar. En España chamaríano finalmente cabo de Hornos.

En 1621, só dous anos despois do regreso dos irmáns García de Nodal, publicouse en Madrid a Relación da súa viaxe. Deste libro fíxose unha reedición no último terzo do s. XVIII que se pode consultar na Biblioteca do Museo. Nel vanse describindo as vicisitudes do traxecto - tamén, como era habitual en moitas expedicións, cun intento de motín- ata acadar plenamente o seu obxectivo, regresando sen ningún falecemento a bordo -algo que non adoitaba suceder- despois de nove meses e medio.

Ademais de comprobar a veracidade das descubertas holandesas (estreito de Le Maire, cabo de Hoorn), chegaron máis ao sur que eles, achando unha illa (en realidade un arquipélago) á que lle darían o nome de Diego Ramírez (o piloto maior de dita expedición), e circunnavegaron por primeira vez a Tierra del Fuego, ao navegar polo Pacífico cara o norte para embocar e percorrer o estreito de Magallenes de oeste a leste. Aos diferentes puntos daquela costa tan recortada iríanlle poñendo nomes moitas veces correspondentes a enclaves da costa de Galicia e especialmente da ría de Pontevedra.

Os lectores interesados acharán ao final destas liñas máis información sobre este acontecemento e tamén a transcrición dunha das partes máis entretidas do relato, cando navegando polo estreito, que os holandeses chamaron, con todo merecemento, de Le Maire e os Nodal de San Vicente, descobren unha badía cunha boa praia para abastecerse de auga, á que lle chamaron do Buen Suceso. Ali desembarcan e toman contacto cos nativos da Tierra del Fuego. Terían que pasar cento cincuenta anos ata que outro mariño europeo desembarcase naquel lugar: o capitán James Cook. O célebre navegante inglés diría daquelas xentes que eran as máis pobres e miserentas de todas as que atopou nas súas múltiples viaxes.

Ver información completa e transcrición

José Manuel Castaño García