Romance de unha fatal ocasión, un inédito dedicado a Castelao

04/12/2023
María Jesús Fortes Alén

Unha das actividades máis coñecidas do Seminario de Estudos Galegos foron as xeiras, saídas conxuntas das diferentes seccións coa pretensión de aglutinar o maior número de estudosos posible e facilitar así o intercambio de información e as conclusións dos respectivos estudos. Á  marxe desta actividade de investigación, durante as xeiras os membros do Seminario compuxeron unha serie de exercicios literarios en lembranza daqueles compañeiros que, por distintas circunstancias, non puideran asistir ás excursións de observación. Na Fundación Vicente Risco consérvase a peza que lles enviaron a el, a Lois Tobío e a Armesto durante a estancia dos tres en Alemaña e que leva estrofas autógrafas e ilustracións de Castelao, Xesús Carro, Xaquín Lorenzo, Antón Taboada, Filgueira, Otero Pedrayo, Cuevillas, Cabeza de León e Sebastián González.

O Museo de Pontevedra é o depositario de dous poemas máis que responden á mesma motivación, ambos compostos e datados no verán de 1935, cando se deron por terminados os traballos que se viñan realizando desde 1928 na comarca de Deza.

Un deles é o Romance de unha fatal ocasión. Dedicáronllo especialmente a Castelao, naquel momento ausente por estar en Badaxoz, coa orde de estendelo a Alexandre Bóveda, tamén desterrado en Cádiz, e ao arquitecto Robustiano Fernández Cochón. O exemplar definitivo consérvase no fondo documental do artista de Rianxo. Ingresou no Museo en 1951, como depósito xudicial do Goberno Civil da provincia.

Aínda que se presenta como unha obra coral de todos os membros do Seminario, a autoría da peza correspóndelle unicamente a Filgueira, que chegou incluso a determinar a responsabilidade da transcrición do poema entre diferentes directores de sección e colaboradores da institución cultural, Cuevillas, Risco, Xocas, Ben-Cho-Shey, Iglesias Vilarelle ou Santos Júnior entre outros, o que explica a diversidade de caligrafías. Pola contra, as ilustracións que acompañan a obra si que obedecen a obras individuais de Gómez Román, Vicente Risco, Xaquín Lorenzo e Hermida, precedidas dun fermoso debuxo dun Laxeiro mozo.

O documento anexo é o estudo sobre este texto, incluído na edición facsimilar dos dous romances que o Museo de Pontevedra publicou en novembro de 2023. 

 Ver artigo en PDF

María Jesús Fortes Alén