As actas do Seminario de Estudos Galegos (1923-1926)

01/12/2023

O arquivo documental do Museo de Pontevedra custodia un libro de actas no que se recolle o ideario e a memoria das reunións realizadas durante a primeira etapa do Seminario de Estudos Galegos (1923-1926), caracterizada por non ter aínda unha sede fixa na que desenvolver as súas xuntanzas (que terían que moverse entre o salón da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela e as facultades de Letras e Dereito da Universidade) e pola gran cantidade de traballos que neses anos desenvolveron os seus membros, obrigados a preparar textos para o seu ingreso, traballos anuais e incluso algunhas comunicacións cando a ocasión o requiría.

Neste libro recóllese o ideario do seminario, encabezado por unha introdución na que se establecen as razóns que levaron a este grupo de estudantes a xuntarse un 12 de outubro de 1923 na casa do Castro de Ortoño (A Maía) para facer realidade as “arelas dos seus membros”, centradas no estudo, na divulgación e na posta en valor do enorme patrimonio cultural galego, e converterse no “nó que cinguise os espallados esforzos dos que traballaban nos eidos da súa cultura.”

O documento está redactado polo secretario da organización, Lois Tobío Fernández, quen, ademais, actuaría como depositario dos traballos, obxectos e bens da organización mentres non se contase cun local adecuado. Nel establécense as liñas básicas da organización: os socios, asesores, numerarios e correspondentes; a sección directora, composta por un presidente, un censor e un secretario; a creación da sección de informacións e correspondencia; os deberes dos membros; a propiedade dos traballos etc.

O documento anexo inclúe a transcrición do libro de actas (do 12 de outubro de 1923 ao 1 de maio de 1926).

 Ver artigo en PDF

Eva Pena Rodríguez