Embarcacións doutros tempos

09/02/2012
Museo de Pontevedra

Dende hai uns dezaoito anos, estamos a ver con satisfacción como diferentes asociacións foron recuperando e facendo réplicas de vellas embarcacións tradicionais, como dornas, gamelas, lanchas de relinga, botes polbeiros e xeiteiros, bucetas, galeóns, pataches…

Estes barcos de madeira, que hoxe enriquecen as fermosas imaxes das nosas rías cando os vemos navegar con todo o seu pano despregado, reúnense con motivo dos Encontros organizados por, cada vez máis, asociacións de embarcacións tradicionais implicadas en recuperar o pasado mariñeiro da nosa comunidade e pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial que as agrupa.

Nesta recensión divulgativa quérese amosar algunhas das imaxes que se conservan no Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra, institución que garda e exhibe moitos testemuños do pasado mariñeiro da cidade e de forma singular o Arquivo de Mareantes estudado polo célebre e polifacético Casto Sampedro e clasificado e divulgado por Xosé Filgueira Valverde.

Os asistentes ás distintas convocatorias do obradoiro Para ser grumete que impartín dentro das actividades de difusión do Museo tiveron ocasión de gozar dalgúns destes barcos recuperados, como a traiñeira da Asociación Os Galos de Bueu, semellante á que podemos apreciar nunha destas fotos envellecidas polo tempo con vistas da Moureira, o arrabalde mariñeiro de Pontevedra.

Cando navegamos nestes barcos, sobre todo en plácidas circunstancias, escoitando o seu característico son ao sucar as augas impulsados por uns ventos axeitados que enchen a súas grandes velas, esquecemos, moitas veces, as penurias que pasaron as xentes que a cotío se enfrontaban a un duro traballo cheo de incertezas e perigos. Aínda así, o gozar deles, aínda que sexa nunha actividade de lecer, é o mellor modo de conservalos e sobre todo de darlles utilidade, contribuíndo ademais a que perdure a carpintería de ribeira en madeira, oficio que tamén está en risco de perderse.

Que sigan navegando moitos anos polas mesmas augas nas que noutrora deixaron o seu ronsel pescando ou transportando mercancías.

José Manuel Castaño García