Misión, visión e valores

Misión

O Museo de Pontevedra é unha institución pública, sen fins de lucro, ao servizo da sociedade e o seu desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1927 a súa misión é conservar, exhibir, investigar e difundir unha ampla colección de obxectos arqueolóxicos, artísticos, históricos e etnográficos; ofrecer exposicións temporais e contribuír ao desenvolvemento artístico e cultural da provincia, levando a cabo e participando tamén en actividades de relevancia nacional e internacional.

Ademais de difundir a cultura e as humanidades nos ámbitos de interese galego, español e universal, o Museo realiza un labor de investigación propia centrada principalmente nos seus fondos pero tamén en diferentes aspectos da historia da cidade, da provincia ou de Galicia. Ao mesmo tempo colabora noutros programas de investigación e con diferentes institucións.

Visión

O Museo de Pontevedra é un museo do século XXI, de orientación claramente social, enfocado á reflexión en torno ás cuestións sociais e formas de vivir e pensar que modelaron o territorio provincial ao longo do tempo. Distinguido pola singularidade das súas coleccións, pola capacitación técnica dos seus profesionais, pola calidade da experiencia cultural e educativa que promove, pola capacidade para innovar e buscar a eficiencia en tódalas áreas de xestión, e pola súa vontade de proxección exterior a través da cooperación e o intercambio de ideas e experiencias.

Valores

Representan todo aquilo no que se cre, as ideas forza que guían a acción diaria e que se fomentan desde o Museo de Pontevedra no desempeño dun servizo público que busca a excelencia:

  • Confianza no equipo de traballo a partir dunha visión compartida do Museo
  • Crenza na colaboración interadministrativa e interinstitucional
  • Vocación de servizo público que opera baixo criterios de calidade e excelencia
  • Compromiso social e orientación cara á participación cidadá
  • Respecto á diversidade e transmisión de principios e valores transversais
  • Espírito creativo e innovador
  • Sustentabilidade e eficiencia na xestión dos recursos
  • Transparencia e comunicación