Rafa Domínguez presenta a imaxe para a Bienal de Arte de Pontevedra, que se converterá “nun punto de encontro para as ideas e as emocións universais"

O novo logo está inspirado nas caixas nas que se transportan as obras de arte, “un símbolo de movemento, intercambio e conexión internacional”, e será a imaxe da cita cultural a través dos anos

30/07/2024

Rafa Domínguez presenta a imaxe para a Bienal de Arte de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a imaxe renovadora da XXXII Bienal de Arte de Pontevedra, que no 2025 se converterá “nun punto de encontro para as ideas e as emocións universais”. O novo logo, que será a imaxe desta cita cultural a través dos anos, baséase nas caixas nas que se transportan as obras de arte, un símbolo “de movemento, intercambio e conexión internacional”. Desta maneira, como explicou o vicepresidente provincial, cada caixa representa “unha ponte entre culturas, un contedor de historias e emocións que transcenden fronteiras. Son gardiás do patrimonio artístico da humanidade e o seu percorrido ata Pontevedra simboliza a apertura e a acollida que queremos brindar a todas as formas de expresión artística”.

O novo deseño, realizado polo equipo de Comunicación da Deputación, presenta estas caixas de transporte de seguridade e moderniza a tipografía Stencil, empregada desde hai séculos para marcalas, para crear un logotipo “brillante e con forza” co uso ademais dunha cor rosa flúor. Desta maneira, as caixas son unha metáfora da forma na que a arte cruza océanos e continentes, e con este logo a institución provincial quere destacar como a Bienal se converte nun punto de encontro para as ideas e as emocións universais, un lugar no que celebrar a diversidade cultural e creatividade sen límites. “Queremos que a nosa cidade sexa un faro de inspiración, un lugar no que os artistas e os amantes da arte de todo o mundo se sintan benvidos e conectados”, remarcou o vicepresidente, que aproveitou a ocasión para agradecer aos profesionais do Museo todo o seu traballo para facer posible esta cita.

A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa á Boa Vila despois de 35 anos, terá lugar entre os días 15 de xuño e 30 de setembro de 2025 en diferentes localizacións da cidade. Baixo o título “Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais”, pretende situar a Pontevedra como o epicentro da arte contemporánea, atraer artistas e visitantes de todo o mundo provendo o intercambio cultural, presentar propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrar á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte por parte de toda a veciñanza. “A recuperación da Bienal non só porá a Pontevedra no mapa cultural a nivel nacional e internacional, senón que tamén vai ter un importante retorno económico para facer da cidade un sitio mellor”, concluíu o vicepresidente provincial.

Image galleries

audios