Espectáculo Cartoóns. Día Mundial do Medio Ambiente

A colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a conciencia ecolóxica, a empatía social e a autosuficiencia son os valores sobre os que pivota Cartoóns, o espectáculo teatral que se representará o domingo 5 de xuño, ás 12:00 h, e co que conmemoraremos o Día Mundial do Medio Ambiente.

30/05/2022

Josito Porto e Víctor Mosqueira, creadores e protagonistas desta obra dirixida ao público familiar, transformaranse en dous pallasos que viven entre cartóns, material que lles servirá para construír camas, aseos, rolos de papel hixiénico, teléfonos, pelotas, etc, convertendo o lixo en luxo.

Esta obra, finalista nos Premios de Teatro María Casares na categoría de mellor Espectáculo Infantil, terá lugar no salón de actos do Edificio Castelao e a entrada será libre ata completar o aforo.