Día das Artes Galegas. Laxeiro
Destacar a traxectoria e relevancia da obra de José Otero Abeledo ‘Laxeiro’ é o obxectivo da programación que o departamento de Educación desenvolverá con motivo da celebración, o próximo 1 de abril, do Día das Artes Galegas, dedicado este ano ao creador lalinense.
28/03/2022
Así, os venres 1 e 8 de abril terán lugar, ás 19:00 h, as visitas guiadas que permitirán ás persoas participantes coñecer o percorrido artístico do pintor a través das pezas expostas no Edificio Castelao, desde a súa etapa de reflexión na renovación da arte galega ata a formación da súa linguaxe máis representativa. Para sumarse a esta proposta non será necesario anotarse previamente.
Doutra banda, ás nenas e nenos de 5 a 12 anos estarán destinados os obradoiros creativos que combinarán o coñecemento da vida e obra de Laxeiro con actividades plásticas, dramáticas e musicais conducidas por Migallas Teatro. Haberá dúas sesións os sábados 2, 9, 16 e 23 de abril, de forma que de 10:00 a 11:30 h poderán acudir os menores con idades comprendidas entre os 5 e os 8 anos, mentres que a segunda quenda, de 12:00 a 13:30 h, estará reservada para as e os asistentes de entre 9 e 12 anos. A inscrición deberá realizarse enviando un correo electrónico a reservas.museo@depo.gal