A Deputación selecciona aos primeiros artistas que participarán nas residencias Novos Valores en Bruxelas e Madrid: Carlos Fer e Andrea Davila Rubio

Desenvolverán os seus proxectos nos próximos meses na Fundación Nicole & Walter Leblanc e en Matadero Madrid

28/02/2025

Artistas que participarán nas residencias Novos Valores

As residencias artísticas Novos Valores da Deputación de Pontevedra xa están en marcha. O próximo luns viaxará a Bruxelas Carlos Fer, o primeiro dos artistas seleccionados, para iniciar o desenvolvemento do seu proxecto na Fundación Nicole & Walter Leblanc. En abril tomaralle o relevo Andrea Davila Rubio, a segunda artista escollida. Ambos completarán as residencias nos seguintes meses en Matadero Madrid e as obras que se materialicen ao longo deste proceso formarán parte da exposición da 32ª Bienal de Pontevedra, que se celebrará este verán. Para desenvolver estas residencias, as persoas seleccionadas recibirán unha bolsa de 9.500 € cada unha.

Así o deu a coñecer esta mañá o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, nunha comparecencia de prensa na que estivo acompañado dos artistas beneficiados pola convocatoria e da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e na que interviñeron por videoconferencia a directora da Fundación Nicole & Walter Leblanc de Bruxelas, María Inés Rodríguez, e a responsable de residencias artísticas de Matadero Madrid, Luisa Espino.

Domínguez destacou como este proxecto está na liña da tradición de apoio da Deputación á arte. “A historia da Deputación está ligada ao patrocinio de grandes artistas que foron pensionados, como Laxeiro, que dicía que se non fose por esas axudas non chegaría a ser o grande artista que foi”. Neste eido, Domínguez engadiu que “a nova orientación de Novos Valores quere recuperar ese espírito das pensións e non podemos máis que aplaudir á directora que decidiu que mellor que dar un premio económico é favorecer que os novos creadores teñan esa experiencia dunha residencia artística”.

A responsable de residencias artísticas de Matadero Madrid explicou que Carlos Fer e Andrea Davila se incorporarán ao seu programa de artistas residentes, na que participan non só artistas plásticos, senón tamén músicos, educadores ou investigadores cunha interesante convivencia entre diferentes disciplinas. Pola súa parte, a directora da Fundación Nicole & Walter Leblanc agradeceu a invitación do Museo a participar neste proxecto e puxo o acento en como para a súa institución é importante que estes creadores arroxen novas miradas sobre os inxentes arquivos do legado do artista cinético e conceptual Walter Leblanc.

Carlos Fer e Andrea Davila

Carlos Fer é un artista multidisciplinar e comisario graduado en Belas Artes da Universidade de Vigo, cun máster en Profesorado e outro en Debuxo e Creación Audiovisual na Universidade de Granada. Actualmente, está a facer un Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea na Universidade de Vigo. A pesar da súa mocidade, atesoura experiencia docente e un notable número de premios, bolsas, residencias, conferencias e publicacións. Foi coordinador de eventos artísticos na Universidade de Vigo como as primeiras e segundas xornadas “Percorrido dun Proxecto”, “MOE: Habitando o Público”, ou o VII Foro “O Múltiple que ocupa o Espazo”. Comisariou exposicións na asociación cultural Kentada e a mostra ‘Pregar a pintura’, aberta en 2024 no Museo de Pontevedra.

O seu proxecto para a residencia Novos Valores leva como título ‘Exercicios par colgar unha pintura’. Parte da obsesión no traballo recente de Carlos Fer por investigar sobre a forma na que se dispón unha pintura e como isto cambia totalmente o que esta comunica, como o espectador a percibe e a maneira na que se relaciona consigo mesma e co espazo. Esta proposta artística baséase en reinterpretar o feito de colocar un cadro na parede, facendo desta unha acción imposible.

Andrea Davila Rubio é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, máster en Investigación e Creación en Arte Contemporánea pola Universidade do País Vasco e experta Universitaria en Estudos Culturais, Afectos e Coñecemento Situado pola Universidade Pública de Navarra e a Universidade do País Vasco. Doutoranda na Universidade de Vigo, a súa práctica artística e de investigación céntranse na escultura española contemporánea, con especial interese por cuestións de corporalidade e materialidade. O seu traballo máis recente investiga os posibles mecanismos que podemos activar para manter no tempo un afecto, un proceso ou un xesto corporal, a través do ser vexetal no mundo. En 2020 foi unha das artistas premiadas no certame Novos Valores da Deputación de Pontevedra e en 2024 residencia de investigación na Academia de Arte e Deseño de Basilea convocada a través do Museo.

O seu proxecto ‘The body is earth, which becomes garden at the touch of water’ parte das investigacións teórico-prácticas iniciadas durante a súa residencia artística en Atelier Mondial en colaboración co Institue Art Gender Nature (Basilea, Suíza), que buscaban analizar a interrelación entre o corpo humano e a súa contorna, recontextualizando esta temática desde unha óptica feminista posthumana. Ademais, as experiencias na Fundación Walter & Nicole Leblanc e Matadero Madrid permitirán afondar nesta investigación, como paso previo para unha investigación posdoctoral.

Image galleries