Os comisarios da 33.ª Bienal reúnense en Pontevedra para avanzar na preparación da edición de 2027

Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela mantiveron unha xornada de traballo en Pontevedra co vicepresidente da Deputación e co equipo do Museo de Pontevedra para coordinar a folla de ruta dos vindeiros meses.

05/08/2026

Os comisarios da 33.ª Bienal reúnense en Pontevedra para avanzar na preparación da edición de 2027

Os comisarios da 33.ª Bienal de Pontevedra, Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela, mantiveron este martes unha xornada de traballo en Pontevedra co vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e co equipo do Museo de Pontevedra para seguir avanzando na preparación da próxima edición da Bienal, que se celebrará na primavera de 2027.

O encontro enmárcase no calendario de traballo que a institución provincial e o equipo curatorial veñen desenvolvendo desde a designación dos comisarios e serviu para coordinar os seguintes pasos do proxecto, compartir o estado dos traballos e definir a planificación dos vindeiros meses.

Durante a reunión abordáronse diferentes aspectos relacionados coa organización e produción da Bienal, así como coa coordinación entre os distintos equipos implicados, co obxectivo de construír unha edición sólida, conectada co territorio e cunha marcada proxección internacional.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, destacou que “a Bienal é un dos proxectos estratéxicos do Museo de Pontevedra e un dos grandes escaparates internacionais da cultura que impulsa a Deputación. Estamos a traballar con rigor, planificación e ambición para ofrecer en 2027 unha edición de referencia, que sitúe novamente Pontevedra no mapa da arte contemporánea e que proxecte a nosa provincia ao mundo a través da cultura”.

Domínguez engadiu que “contamos con dous comisarios de enorme prestixio internacional e cun proxecto sólido que combina excelencia artística, conexión co territorio e capacidade para atraer novos públicos”.

Pola súa banda, os comisarios destacaron o valor destas xornadas de traballo para avanzar no desenvolvemento do proxecto e reforzar a coordinación co Museo de Pontevedra e coa Deputación, nunha fase na que continúan os labores de investigación, planificación e definición da próxima Bienal.

A 33.ª Bienal de Pontevedra celebrarase na primavera de 2027 e desenvolverá o seu programa expositivo en espazos que reforzan a vontade de concentrar o proxecto no corazón museístico da cidade. As sedes principais serán o Edificio Castelao, o Edificio Sarmiento, o convento de Santa Clara e a nave central das Ruínas de Santo Domingo, todos eles pertencentes ao Museo de Pontevedra. Como novidade, esta edición incorporará tamén unha sede en Vigo, a Estación Martítima de Vigo, ampliando así o alcance territorial do proxecto.

O equipo comisarial

Ángel Calvo Ulloa (Lalín, 1984) vive e traballa entre Madrid e Galicia. É comisario e escritor. Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Arte Contemporánea: Creación e Investigación pola Universidade de Vigo. Foi cocomisario, xunto con Marta Mestre, de O Fantasma da Liberdade / Anozero Bienal de Coimbra 2024. Entre os seus últimos proxectos curatoriais destacan Jordi Teixidor. No-res, na Sala Alcalá 31 (Madrid); Juan Uslé. Ese barco en la montaña, no Museo Reina Sofía (Madrid); ¿Adónde irá el pájaro que no vuele?, na Casa Encendida (Madrid); Humores y Espesores, de Rodríguez-Méndez, no CA2M (Móstoles); El sueño de la cólcedra, de Teresa Lanceta, no Museo Patio Herreriano (Valladolid); Siron Franco: Pensamento insubordinado (Trabalhos, 1961-2023), no MAC Goiás (Brasil); Anidar en el gesto: unas estanterías de Alberto, na Fundación Cerezales (León); Autoconstrucción. Piezas sueltas. Juego y experiencia, de Antonio Ballester Moreno, en Artium (Vitoria-Gasteiz); e Complexo Colosso, no CIAJG (Guimarães). Desde 2011 tamén desenvolveu proxectos curatoriais en institucións como CaixaForum (Barcelona), MARCO (Vigo), CCEMx (Cidade de México), Fundación Luis Seoane (A Coruña), Tabacalera (Madrid), Centro Párraga (Murcia) ou EACC (Castelló), entre outras.

Juan Canela (Sevilla, 1980) vive e traballa na Cidade de Panamá. É licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. É comisario xefe do Museo de Arte Contemporánea de Panamá e membro do comité asesor do Instituto Cader de Arte Centroamericana do Museo Reina Sofía. Recentemente foi comisario do programa Encuentros de ARTBO Bogotá (2025), cocomisario da 23.ª Bienal de Arte Paiz de Guatemala (2023) e comisario de El Patio ABC Baja California, México (2023-2024). Anteriormente traballou como director artístico de ZONAMACO Cidade de México (2020-2023), comisario asociado do Centro de Residencias Artísticas de Matadero Madrid (2020-2021) e Research and Symposium Associate da osloBIENNALEN FIRST EDITION (2019-2020). Foi cofundador e codirector do programa de residencias BAR project en Barcelona (2012-2020) e formou parte da comisión de programas de HANGAR Barcelona (2016-2019). Xunto con Ángel Calvo Ulloa publicou o libro Desde lo curatorial. Conversaciones, experiencias y afectos (2020), da editorial Consonni.

Image galleries