Ruth Matilda Anderson
Esta exposición, de máis de 75 traxes, reproduce fielmente cada unha das vestimentas fotografadas por Ruth Matilda Anderson na súas viaxes a Galicia entre os anos 1924 e 1926 por encargo da Hispanic Society de New York.
A pontevedresa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, froito de cinco anos de estudo, busca, análise e recuperación, amosa esta escolma de vestimentas que forma parte dos fondos da súa colección.
Farán un percorrido polas leiteiras da comarca de Compostela reunidas na Rúa Nova ao amencer, polas redeiras do barrio da Moureira, os zoqueiros nas feiras ou as vendedoras da Praza da Leña.
Unha viaxe no tempo, cen anos atrás, onde recuperar os vellos oficios xa esquecidos, as feiras, as romarías, os traballos no mar e no campo... e tamén a música, a través de máis de 150 fotografías de Anderson, algunha delas inédita.
Sete Espadelas xa conta no seu currículo coas exposicións no Museo de Pontevedra “Vestidos con pincel, cosidos con agulla” no ano 2015 e “Galicia, a terra dos mil panos” no 2019.
Este proxecto é o máis ambicioso dos presentados pola asociación, superando as 1000 pren-das expostas, unha gran porcentaxe delas antigas ou reproducidas a partir de padróns e teci-dos antigos. Pero non só roupa, senón tamén, diferentes aparellos de labranza, utensilios do fogar e ferramentas de traballo orixinais da época e de incalculable valor etnográfico.
O catálogo editado co motivo da exposición recolle todas as fotografías de Anderson así coma as dos traxes reproducidos para a ocasión.
Visitas guiadas: todos os sábados ás 10.30 e ás 12.00 h, a cargo José Luis Rodríguez e David Quiñones, comisarios da mostra. Para participar é necesario inscribirse en reservas.museo@depo.gal.