Infiltracións. Alberto Baraya. Vento

Dates: 25/10/2024 - 02/03/2025
Location: Edificio Castelao

Comisario: Iñaki Martínez Antelo

Vento é o título do proxecto que o artista Alberto Baraya (Bogotá, Colombia, 1968) presenta dentro do ciclo de exposicións Infiltracións, o cal ten como propósito realizar proxectos específicos relacionados con obras do Museo de Pontevedra. Cada ano convídanse dous artistas a investigar e traballar coa colección, como unha maneira de fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e incorporar progresivamente os discursos contemporáneos ao museo, ofrecendo novas lecturas sobre os seus fondos.

Neste proxecto, Alberto Baraya, pintor, fotógrafo e viaxeiro contemporáneo, céntrase nas numerosas pinturas de paisaxes mariñas, maquetas de embarcacións, instrumentos de navegación e outros elementos relacionados co mar que habitan a colección deste museo. A presenza de todas estas creacións evidencia o fondo arraigamento da nosa tradición mariñeira.

Ao mesmo tempo, Baraya revaloriza períodos históricos nos que parece ser que se chegaron a utilizar velas de barco como soporte para elaborar pintura colonial en América. Así mesmo, recupera a tradición pictórica da paisaxe, resignifica a práctica da pintura plenairista e referencia determinadas experiencias pictóricas conceptuais. O pintor-viaxeiro (ou o artista-viaxeiro, se pensamos en figuras coma Bas Jan Ader) quere habitar e capturar a paisaxe mentres transita por ela.

Este verán o artista realizou unha acción de certa complexidade: debía navegar pola ría de Pontevedra nunha barca de vela e plasmar, nesta mesma vela, a paisaxe que ía contemplando ao longo da travesía. Novas reflexións sobre a pintura plenairista e técnicas de pintura rápida xurdían nun propósito que podía parecer inviable. Ese Vento que lle dá título ao proxecto era necesario para que a vela impulsase a barca e, á vez, fose lenzo en branco para o artista, pero cuxa intensidade deixaba ao azar a posibilidade de completar a acción. Esta experiencia non sería posible sen a colaboración dos Galos, asociación de amigas e amigos das embarcacións tradicionais de Bueu, e da Escola Naval de Marín.

Os resultados preséntanse nas salas da primeira planta do Edificio Castelao. Así, exponse a vela pintada nesta travesía, a modo de gran lenzo, acompañada dunha peza de vídeo que resume a acción. Ademais, móstranse un conxunto de cadros, debuxos, maquetas de barcos e outros elementos, todos relacionados co mar e pertencentes ás coleccións do Museo de Pontevedra.

A obra de Alberto Baraya sempre cuestionou o paradigma científico e defendeu a arte como forma de coñecemento e ferramenta de reflexión sobre os actos estéticos da vida cotiá. Desde 2002 Baraya desenvolveu un dos seus traballos máis celebrados: o proxecto Herbario de plantas artificiales, un conxunto paródico de recoleccións e estudos de botánica falsa; plantas de plástico, arame e seda made in China, co que tentar reconstruír a identidade das relacións entre o ser humano e a natureza. As súas coleccións artificiais foron presentadas nas bienais de arte de São Paulo (2006), Venecia (2009), Berlín (2014) e Shanghai (2019).

“Este proxecto expón unha reflexión sobre os medios físicos da pintura e da navegación a vela. Se o proceso dunha viaxe, antes de partir, comeza coa concepción dunha idea, dunha utopía nas nosas mentes, Vento permite a formación desa imaxe entre o porto de saída e de chegada. A imaxe devén realidade (pintura) durante o traxecto; Vento sopra a imaxe que impulsa unha viaxe. Ao chegar, probablemente poderemos constatar que esa imaxe era, efectivamente, unha necesaria ilusión”.  Alberto Baraya

 

Con obra de:

Juan de Toledo, Domingo Carles Rosich, William James, Martín Rico Ortega, Carmen Babiano Méndez-Núñez, Isidro Posadillo, J. Jeo, Ceferino Olivé Cabre, Rafael Alonso, José Navarro Lloréns, Ramón Gil Rey, Castelao, Amancio Landín, F. Monje y Merino, Claude Joseph Vernet, Sebastián Gondar e varias obras anónimas.

 

Dossier para medios de comunicación


Visitas guiadas conxuntas a ‘José Benito Otero Baena’ e ‘Vento’

Do 14 de decembro ao 18 de xaneiro, os xoves e sábados, ás 17:00 h