Arte en parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas

Dates: 30/04/2026 - 28/06/2026
Location: Edificio Castelao

Comisaria: Cristina Villaverde Ruibal

O centenario do nacemento da pintora Mercedes Ruibal (Pontevedra, 1926) é o momento para reivindicar dúas traxectorias artísticas que, aínda que recentes, sofren de certo esquecemento. Na Arxentina sitúanse os comezos de Mercedes, onde se forma a carón de Laxeiro e nas súas visitas aos museos de Bos Aires. Retornada a Galicia, casa en 1958 co arquitecto Agustín Pérez Bellas (Vigo, 1927), home tamén namorado da pintura. Os dous abren nesta década as súas novidosas propostas pictóricas, que presentan en galerías galegas para, posteriormente, dar o salto coa súa obra a Madrid e Barcelona.

Comprometidos ambos co movemento antifranquista, trasládanlle á súa creación contidos sociais e de denuncia que compartirán, sempre con estilos ben distintos e mesmo plasticamente afastados, co mundo da muller, no caso de Mercedes, e cunha obra gráfica desenvolvida maioritariamente por medio de tintas negras, na creatividade de Pérez Bellas. Mercedes Ruibal foi sensible aos conflitos bélicos e políticos dos anos sesenta e setenta e reflectiu na súa obra, en plena ditadura, a guerra de Vietnam e o golpe de Estado en Chile, que compatibiliza cunha pintura baseada na tradición galega, coa que recrea con fortaleza o ámbito feminino.

Con estancias formativas en Italia, onde se relacionan intensamente con Rafael Alberti, esta parella de artistas mantivo contactos con boa parte da intelectualidade española e galega, que admiraba tanto a creatividade de Mercedes, falecida en 2003, coma o cru e sensual firmamento das series negras de Pérez Bellas, prematuramente morto en Vigo en 1982.