XVI Noites de Música Antiga: Laia Terré e Lorenzo Rupil
Xoves 16 de xullo de 2026, ás 19:00 h, no Edificio Castelao
Laia Terré (violonchelo) e Lorenzo Rupil (clavecín) ofrecen o concerto Diálogos do século xviii, centrado no violonchelo barroco e en como se impuxo no repertorio orquestral e camerístico da segunda metade do século xviii.
O programa combina autores de diversa procedencia: Italia, Francia e España. Amosa a maduración da linguaxe solista do violonchelo e a súa expansión por toda Europa, a partir especialmente das achegas dos italianos, como é o caso de Francesco Geminiani e Giovanni Bononcini. Tamén soarán composicións de Antonie Dard, Martín Berteau e Pablo Vidal.
Laia Terré formouse nos conservatorios de Ámsterdam, Xenebra, Utrecht e Lleida, a súa cidade natal, e actualmente cursa o mestrado en Violonchelo Histórico na Schola Cantorum Basiliensis. Como violonchelista desenvolve unha intensa carreira centrada no repertorio temperán para este instrumento. Ten actuado con agrupacións recoñecidas na interpretación histórica dos estilos barroco e clásico e obtivo diversos premios de interpretación.
Lorenzo Rupil comezou os seus estudos en Udine, a súa cidade natal, onde se graduou en Órgano e Composición. Posteriormente ampliou estudos en Friburgo e Trossingen, e con outras e outros destacados mestres, cos que afondou no coñecemento do repertorio e a interpretación histórica, así como na improvisación para órgano. Acadou diversos recoñecementos en competicións de piano, órgano e clavecín.
