Rodrigo Ramos en concerto en ‘EmprazArte’
O venres 23 de setembro ás 21.00 horas actuará Rodrigo Ramos na praza que dá acceso ao Edificio Castelao. O concerto forma parte da programación de ‘EmprazArte’, unha iniciativa do Museo dirixida a todos os públicos.
Rodrigo Ramos é un músico e compositor de Silleda que iniciou a súa carreira en solitario en 2015, tras máis dunha década formando parte de distintos grupos. Ata hoxe publicou dous álbums: en Mirabas almas (2015) mostraba a súa versatilidade en directo. En Sol de invierno (2019) ofreceu un disco cálido no que destaca o aspecto vocal, con arranxos de piano que sosteñen un traballo caracterizado por melodías pegadizas reforzadas por órganos Hammond e guitarras eléctricas.
