Obradoiro de Ilustración Botánica
Martes 31 de marzo e mércores 1 de abril, de 11:30 a 13:30 h, no Edificio Castelao
Un obradoiro, dividido en dúas sesións independentes, dirixido a público infantil de 7 a 12 anos, para darlle a benvida á tan agardada primavera. Chus Rojo, ilustradora infantil graduada en Publicidade, traballará a ollada artística coas e cos asistentes, e inspirarase nas propias obras do Museo de Pontevedra. A proposta culminará coa creación do seu propio caderno ilustrado de botánica.
Inscrición a partir do mércores 18 de marzo, ás 10:00 h, a través do formulario dispoñible nesta mesma páxina.
Neste obradoiro aprenderemos a debuxar plantas e motivos florais, que se incluirán nun caderno botánico, co obxectivo de familiarizármonos con especies de flora locais, coas súas estruturas, cores e formas, e poderemos identificalas ademais de debuxalas. Para iso, empregaremos os cadros e obxectos do mobiliario do museo e flores reais, debuxando o que vemos cunha perspectiva creativa propia.
O obradoiro servirá tamén para aprender como as e os artistas con obras expostas no Museo interpretaron a realidade do seu arredor para trasladala ás súas obras e que decisións tomaron, en función do seu estilo e voz artística.
