Obradoiro Creativo sobre o Fotógrafo José Suárez

Sábado 28 de marzo, de 11:30 a 13:00 h, no Edificio Castelao

Obradoiro Creativo sobre o Fotógrafo José Suárez

Obradoiro dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos desenvolvido con motivo do Día das Artes Galegas. Nel, Taller Abierto réndelle homenaxe a José Suárez e aborda a súa biografía, imaxes e ollada artística nun exercicio creativo que mestura plástica e etnografía.

Inscrición a partir do venres 20 de marzo, a través de WhatsApp, no teléfono 617 340 323.

Mediante un percorrido polos lugares que visitou e as e os personaxes que retratou, achegarémonos ao seu universo visual e á súa maneira única de contar historias coa cámara. Analizaremos algunhas das súas fotografías máis emblemáticas para aprender conceptos básicos de composición e recoñecer algúns dos trazos máis característicos do seu estilo cinematográfico: personaxes que non miran á cámara, planos contrapicados ou a presenza de obxectos que axudan a explicar o modo de vida das persoas retratadas.

Como parte central da actividade, as nenas e nenos participantes realizarán unha proposta creativa na que construirán un mapa visual sobre José Suárez combinando arte e investigación. Un retrato plástico dun dos artistas galegos máis relevantes do século xx.