Concerto de Ensemble Allettamento
Sábado 16 de maio de 2026, ás 12:30 h, no Edificio Castelao
Mario Braña ao violín barroco e Elsa Pidre ao violonchelo barroco ofrecen un concerto de música antiga no que recuperan obras pouco coñecidas do repertorio para estes instrumentos dos séculos xvii e xviii e amosan como mudou a relación entre os dous instrumentos. Nun primeiro momento, o violonchelo exercía principalmente como acompañante no baixo continuo, aínda que, en ocasións, asumía el só esta función, o que esixía gran virtuosismo e capacidade de improvisación. Co paso ao século xviii, esta práctica consolídase e permite novas posibilidades sonoras en combinación co violín. Progresivamente, o violonchelo vai adquirindo protagonismo ata acadar un papel solista equiparable, o que dá lugar a un diálogo máis equilibrado entre ambos. Este proceso culmina nunha linguaxe máis homoxénea e nunha nova forma de escritura musical que marcará o desenvolvemento posterior do repertorio para estes instrumentos.
Ensemble Allettamento xorde da ampla traxectoria conxunta desta e deste artista e do interese compartido pola música antiga. Tras formarse con importantes especialistas europeos, acadaron recoñecemento internacional nos Concursos de Música Antiga de Xixón, onde se lles premiou pola súa expresividade e capacidade comunicativa. Especialistas na interpretación historicamente informada dos séculos xvii e xviii con instrumentos orixinais, centran o seu traballo na recuperación do repertorio para violín e violonchelo, así como na posta en valor do patrimonio musical de España e Portugal. Desenvolven tamén labores pedagóxicos e divulgativos, contan cunha alta participación en numerosos festivais de España e Portugal e foron distinguidos con premios da Asociación de Grupos Españois de Música Antiga.
Programa
- Giovanni Battista Cirri (1724-1808). Duo per violino e violoncello, op. 1, núm. 3. “Allegro"
- Giovani Maria Bononcini (1642-1678). Arie, correnti... per violino e violone, o spinetta, op. 4. “L'Anghisciola”, “Sarabanda”, “La Molza”
- Arcangelo Corelli (1653-1713). Sonata a violino e violone o cembalo, op. 5, núm. 9.
- “Preludio”, “Giga”, “Adagio”, “Tempo di gavotta”
- Giuseppe Valentini (1681-1753). Allettamento a violino, e violoncello, o cembalo, op. 8, núm. 4. “Largo”, “Presto”
- Carlo Tessarini (1690-1766). Alletamento da camera a violino solo e violoncello, op. 3, núm. 2. “Allegro”, “Andante”, “Presto”
- Giovanni Benedetto Platti (ca. 1697-1763). Ricercare á violino e violoncello, núm. 1. “Adagio”, “Allegro”, “Largo”, “Allegro”
- Giovanni Battista Cirri (1724-1808). Duo per violino e violoncello, op. 12, núm. 4. “Allegro con brio”, “Adagio”, “Allegro”
